Alerta laranxa por vento nas provincias da Coruña e de Lugo e por choiva no interior de Pontevedra
- Laura Moure

- hace 5 minutos
- 3 Min. de lectura
Suspéndense as actividades no exterior dos centros educativos dos municipios en alerta por choiva e por vento
Laura Moure/Xeral
A Xunta activa para mañá a alerta laranxa por vento no noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo, ademais de manter a alerta laranxa por choiva no interior de Pontevedra. Así mesmo, amplía a todo o litoral galego a alerta laranxa por fenómenos costeiros.

Coa fin de garantir a seguridade dos bens e das persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso deixará rachas de ata 100 km/h desde media mañá. Nestas zonas, sinálase a importancia de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.
Publicidade
Por outra banda, mantense a alerta laranxa por choiva no interior da provincia de Pontevedra. A Xunta lembra a importancia de circular con precaución ante as intensas precipitacións e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
Debido á alerta laranxa por choiva acumulada, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender durante toda a xornada de mañá, mércores día 11, as actividades no exterior dos centros educativos dos 16 concellos da zona Interior de Pontevedra, entres eles os seis de Deza (Agolada, Dozón, Lalín, Silleda, Rodeiro e Vila de Cruces). Do mesmo xeito, e debido á alerta laranxa por vento, durante toda a xornada de mañá tamén quedan suspendidas as actividades no exterior dos centros educativos dos 38 concellos da zona noroeste da Coruña e dos 15 concellos da zona da Mariña.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

A maiores, o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa que está a afectar ao noroeste e ao oeste do litoral da Coruña e que tamén alcanzará a costa de Lugo esta tarde, estenderase a partir das primeiras horas da madrugada de mañá a todo o litoral galego. Este fenómeno presenta mar combinada do oeste con ondas de ata 6 metros, podendo aumentar durante a tarde ata os 8 metros, con vento do suroeste ou do oeste de ata forza 8.
A Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo as previsións dos órganos preditores, anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior nos concellos afectados polas alertas laranxas por choiva e por vento, así como no mar polo temporal costeiro. Os concellos afectados e os horarios de vixencia das alertas poden consultarse na web Deporte Galego.
Publicidade
No que atinxe ao temporal costeiro, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.








Comentarios