Alba Forno acusa a José Crespo de poñer en risco a recuperación do antigo ambulatorio de Lalín
Pide ao alcalde que "abandone a confrontación, negocie unha solución coa Seguridade Social e garanta que Lalín poida aproveitar o espazo para novos equipamentos públicos, como unha escola infantil municipal"
Ecos da Comarca/Lalín
A candidata á Alcaldía de Lalín, Alba Forno, acusou ao alcalde, José Crespo, "de ter posto en risco a recuperación do antigo ambulatorio por priorizar durante anos a confrontación política coa oposición e co Goberno de España fronte á xestión e á procura de solucións". Forno considera especialmente grave que se chegase a unha situación que podería facer irrecuperable o edificio, cando os problemas de conservación eran coñecidos desde hai moitos anos. Nesta liña, lembra que o propio PSOE propuxera xa en marzo de 2023 iniciar os trámites para garantir a súa recuperación unha vez que os servizos sanitarios se trasladasen ao novo Centro Integral de Saúde, "desprezando Crespo esta proposta para un ano despois facela súa".

“Nós propuxemos empezar a traballar con tempo para que o edificio non quedase abandonado, pero Crespo ridiculizou a nosa iniciativa, asegurou que non se podía facer e votou en contra. Poucos meses despois acabou anunciando que estaba negociando co Estado precisamente para conseguir o que nós lle pediramos”, lembra Forno. Para a candidata “hoxe o problema xa non é que Crespo teña que recoñecer que o PSOE tiña razón, o problema é que deixáronse pasar anos de cando o ambulatorio aínda estaba en condicións aceptables e agora podemos atoparnos con que xa non quede edificio que recuperar”, incide.
Alba Forno reclama á Xunta de Galicia que asuma a súa responsabilidade polo estado do antigo ambulatorio "ao que non lle prestou o mantemento necesario". Considera "inadmisible que a administración autonómica pretenda devolver un inmoble con graves problemas estruturais sen asumir ningunha consecuencia da súa falta de conservación".
PUBLICIDADE
Unha solución realista
A voceira socialista reclama ao goberno municipal que abandone a confrontación política e aborde con seriedade o futuro do antigo ambulatorio, comezando por determinar mediante unha avaliación técnica rigorosa, se o edificio é recuperable e cal sería o custo real da súa rehabilitación. “O primeiro que temos que saber é en que situación estamos, se o edificio se pode recuperar ou non, determinar nese caso canto custa e quen debe asumir ese investimento”, sinala. “Pero se o seu deterioro é tan grave que resulta máis económico derrubalo que rehabilitalo, tamén temos que ser capaces de tomar esa decisión, o que non podemos é seguir perdendo o tempo mentres o edificio cae", afirma.
Neste sentido, a voceira socialista pídelelle a Crespo que valore seriamente a proposta trasladada pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social para desbloquear o futuro do inmoble e que negocie coa Xunta unha solución que permita resolver os problemas derivados da falta de mantemento, sen trasladar automaticamente os seus custos a outra administración.
PUBLICIDADE
Forno sinala que, mesmo no escenario de que a demolición resulte a alternativa máis razoable, o Concello debe estudar as fórmulas máis adecuadas que permitan que Lalín dispoña dese terreo para construír novos equipamentos públicos. “Se finalmente hai que derrubar o ambulatorio, o importante é que Lalín non perda tamén ese espazo. Temos que pensar no futuro e nas necesidades da veciñanza, non seguir atrapados nunha discusión entre administracións", explica.
Entre os posibles usos, a socialista apuntoa á construción dunha escola infantil municipal, unha proposta que o PSOE leva anos defendendo para ampliar as prazas públicas e facilitar a conciliación das familias lalinenses.









Comentarios