top of page

Silleda prepara unha homenaxe a José Maril e propón o seu nomeamento como Fillo Predilecto do concello

hace 8 minutos
3 min de lectura

Unha comisión organizadora leva meses traballando nos preparativos do recoñecemento, que se celebrará o 16 de xaneiro de 2027 no recinto feiral


Laura Moure/Silleda

Silleda renderá homenaxe a José Maril Sánchez o vindeiro 16 de xaneiro de 2027, nun acto de recoñecemento á súa traxectoria e á súa decisiva contribución á creación, impulso e consolidación da Semana Verde de Galicia. No marco desta homenaxe, o Concello de Silleda promoverá tamén o seu nomeamento como Fillo Predilecto do municipio, unha distinción coa que se pretende poñer en valor o seu legado e a súa estreita vinculación coa historia recente da localidade.


A homenaxe ten a súa orixe nunha iniciativa cidadá que puxo de manifesto a vontade de recoñecer publicamente o labor desenvolvido por Maril Sánchez á fronte da institución feiral. Desde os primeiros pasos, esta proposta contou coa implicación do Concello de Silleda e da Fundación Semana Verde de Galicia, dando lugar á constitución dunha comisión organizadora que leva varios meses traballando conxuntamente na preparación do recoñecemento.

José Maril.
José Maril.

Deste xeito, a homenaxe nace como un proxecto compartido, no que conflúen a iniciativa cidadá e o compromiso institucional de recoñecer a unha persoa cuxa traxectoria está profundamente ligada ao desenvolvemento económico, social e á proxección exterior de Silleda.


A alcaldesa, Paula Fernández Pena, destaca precisamente ese carácter colectivo da iniciativa. "O recoñecemento a José Maril nace dunha vontade compartida de agradecerlle todo o que fixo pola Semana Verde e por Silleda. Desde o primeiro momento entendemos que esta homenaxe merecía todo o apoio e a implicación do Concello, porque estamos a falar dunha figura fundamental para comprender a historia recente do noso municipio", sinala.


Neste contexto, a rexedora propón que o recoñecemento teña tamén carácter institucional mediante a concesión do título de Fillo Predilecto, unha das distincións honoríficas que pode outorgar o Concello a persoas que destacaron pola súa contribución ao municipio. "Queremos que esta homenaxe estea á altura do legado de José Maril e que Silleda poida expresar, tamén a través das súas institucións, o agradecemento a unha persoa que contribuíu de maneira decisiva a facer da Semana Verde un referente dentro e fóra de Galicia", engade Paula Fernández.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Unha comisión que leva meses traballando na homenaxe

A comisión organizadora, constituída para coordinar os preparativos, está integrada pola alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena; unha técnica municipal; o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán; e traballadores e extraballadores da entidade feiral.


Durante os últimos meses, este grupo vén mantendo distintas reunións para avanzar na organización dun acto que pretende recoñecer a traxectoria de Maril Sánchez e poñer en valor a súa contribución a un dos proxectos máis importantes da historia contemporánea de Silleda.


A homenaxe celebrarase o 16 de xaneiro de 2027 nas instalacións da Fundación Semana Verde de Galicia, un escenario especialmente significativo pola súa estreita vinculación coa vida e co labor profesional do homenaxeado.


Unha figura fundamental na historia da Semana Verde

José Maril Sánchez foi unha das figuras clave na posta en marcha da Semana Verde de Galicia e estivo á fronte da súa Fundación desde a creación da entidade, en 1991, ata o ano 2008.


O seu traballo resultou determinante para impulsar e consolidar o certame feiral e para contribuír ao desenvolvemento dun recinto que co paso dos anos se converteu nunha infraestrutura estratéxica para a promoción dos sectores agrario, gandeiro, alimentario, industrial e comercial.


A Semana Verde representa un dos grandes sinais de identidade de Silleda, ademais dun importante motor de actividade económica, promoción empresarial e dinamización do territorio. A súa evolución e consolidación contribuíron a situar o municipio no mapa dos grandes eventos feirais de Galicia.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Neste sentido, a alcaldesa destaca que "falar de José Maril é falar da Semana Verde, pero tamén dunha parte fundamental da transformación de Silleda nas últimas décadas. O seu traballo deixou unha pegada que vai moito máis alá do recinto feiral e que forma parte da memoria colectiva do noso municipio".


Como parte deste recoñecemento, a alcaldesa de Silleda promoverá a concesión do título de Fillo Predilecto a José Maril Sánchez, proposta que deberá ser sometida á consideración do Pleno, e que xa foi comunicada a todos os grupos da Corporación municipal. Con esta distinción, o Concello pretende expresar formalmente o agradecemento de Silleda a unha persoa cuxa dedicación e compromiso coa Semana Verde contribuíron de maneira decisiva ao desenvolvemento e á proxección do municipio.


A homenaxe do vindeiro mes de xaneiro será así unha oportunidade para recoñecer publicamente o legado de José Maril Sánchez e poñer en valor unha traxectoria que forma parte inseparable da historia de Silleda.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page