AIRA reúne en Taboada a 1.400 persoas nun gran encontro baixo o lema "Peza a peza formamos AIRA"
- Laura Moure

- hace 1 día
- 2 min de lectura
A Cooperativa recuperou o encontro cos seus socios e socias, que non se celebraba desde 2019, e reuniu na súa sede central a empregados e socios nunha xornada dedicada a reforzar o sentimento de pertenza
Laura Moure/Xeral
A Cooperativa agroalimentaria AIRA celebrou este venres na súa sede central de Taboada unha das xornadas máis importantes da súa historia recente, reunindo preto de 1.400 persoas entre socios e socias, empregados e empregadas, baixo o lema "Peza a peza formamos AIRA".

A xornada tivo un significado especialmente simbólico ó recuperar o gran encontro entre a Cooperativa e os seus socios e socias, unha convocatoria que non se celebraba desde o ano 2019, e ó facelo reunindo por primeira vez na sede central de Taboada ós principais protagonistas do proxecto cooperativo: os socios, os máis de 300 traballadores e traballadoras.
O encontro contou coa participación da conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, así como outras autoridades como o alcalde de Taboada, Roi Rigueira, que acompañaron á Cooperativa nunha cita que puxo en valor o papel das persoas como principal activo do proxecto cooperativo.
PUBLICIDADE
Durante a apertura institucional, o presidente de AIRA, José Ramón Ratón, destacou que o lema escollido para esta edición resume a esencia da Cooperativa. "AIRA non apareceu dun día para outro nin chegou ata aquí por casualidade. Ao longo da súa historia foi medrando porque soubo sumar persoas, esforzos, proxectos e ilusión. Ao final, esa é a esencia dunha cooperativa: persoas distintas, responsabilidades diferentes e un mesmo proxecto", explica José Ramón Ratón.
Un encontro para reforzar a identidade cooperativa
A programación desenvolveuse en dous grandes bloques. Durante a mañá celebrouse o III Encontro de Empregados, no que participou boa parte dos máis de 300 profesionais que forman parte da Cooperativa. A través de vídeos protagonizados polos propios traballadores, dinámicas participativas e un gran puzzle colectivo, púxose en valor a interdependencia entre departamentos e a importancia de cada persoa dentro da cooperativa.
PUBLICIDADE
O acto concluíu cunha acción simbólica na que os empregados completaron un gran puzzle, reservado no seu centro para as pezas correspondentes aos socios e socias, como representación de que eles constitúen o núcleo do proxecto cooperativo. Posteriormente, foron precisamente representantes das diferentes delegacións os encargados de completar esa imaxe colectiva, visualizando que AIRA se constrúe entre todos.
Pola súa banda, os directores xerais, Jesús Bardelás e Javier Barandela, protagonizaron a apertura e a clausura do III Encontro de Empregados, no que agradeceron o compromiso do equipo humano da Cooperativa.
PUBLICIDADE
A xornada continuou coa incorporación dos socios e socias, compartindo un programa de convivencia que culminou cun xantar de confraternidade. Con esta convocatoria, AIRA reafirma o seu compromiso por fortalecer os vínculos entre todas as persoas que forman parte da Cooperativa e seguir construíndo un proxecto común baseado na colaboración, a proximidade e o orgullo de pertenza.









Comentarios