Ailá, De Ninghures ou Quinkillada actuarán no Corazón da Artesanía de Agolada
- Laura Moure
- hace 8 horas
- 3 Min. de lectura
O programa musical completarase con Bico da Balouta, a Charanga Os Pendellos, Os do fondo da barra e a Asociación Folclórica Cantigas e Agarimos
Laura Moure/Agolada
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración impulsa, a través da Fundación Artesanía de Galicia, a duodécima edición do Corazón da Artesanía, que se celebra nos Pendellos de Agolada os días 4, 5 e 6 de xullo. No programa de actividades inclúense as actuacións musicais de De Ninghures, o venres 4; Ailá, Bico da Balouta, Charanga os Pendellos e Quinkillada, o sábado 5; e Os do fondo da barra e a Asociación Folclórica Cantigas e Agarimos o domingo 6. O Corazón da Artesanía é un encontro multidisciplinar e orientado a divulgar, enxalzar e contribuír ao desenvolvemento integral dos nosos oficios artesanais, especialmente dos máis tradicionais, e da marca Artesanía de Galicia.

A programación musical do Corazón da Artesanía comezará o venres 4 de xullo ás 22:30 horas na praza do Concello de Agolada, unha vez rematado o horario de apertura da feira, coa actuación de De Ninghures, unha das bandas referentes da escena do folk galego actual que foi recentemente galardoada co Premio Martín Códax da Música Galega na categoría Folk. A banda fusiona a música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. No Corazón da Artesanía, De Ninghures presentará o seu último espectáculo, Feira.
Tamén na praza do Concello terán lugar as actuacións de Ailá, ás 13:30 horas do sábado 5, que presentan o seu disco Tradimensional, e Quinkillada, a partir das 22:30 horas. Ailá é unha proposta inspirada no respecto á tradición e á música patrimonial galega, cunha visión sen fronteiras, mesturada con aromas, ritmos e cores doutros lugares e doutras culturas, sendo un dos representantes máis novos do tradi, un xénero que excede o musical no que a danza e a música pasan a converterse nun xeito de entender a vida e de estar no mundo. Quinkillada é unha banda que se define como a xuntanza da maxia da verbena galega coa forza dun festival. No seu espectáculo Paso a pas continúan a reivindicar a verbena galega cunha posta en escena renovada.
Publicidade
O sábado ás 17:00 horas tamén está previsto un pasarrúas a cargo de Bico da Balouta e ás 20:00 horas unha actuación da Charanga Os Pendellos que terá lugar no recinto da feira.
A última xornada do Corazón da Artesanía, o domingo 6 de xullo, contará coa actuación de Os do fondo da barra, a partir das 13:30 horas na praza do Concello, un grupo xerado no seo da Asociación Cultural Xacarandaina que presentará o seu disco Bânzó, que engloba temas tradicionais e populares dándolles un tratamento folk actual. Nel pódense escoitar cantos de taberna, cantos mariñeiros e cantos de acompañamento ao baile, utilizando distintos instrumentos de percusión de man e outros como acordeón, gaita, saxofón, tamboril ou bombo con pratos turcos. A programación musical do evento pecharase cun desfile e coa actuación da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, a partir das 19:00 horas do domingo.
. Publicidade
O Corazón da Artesanía
Na edición deste ano está previsto que participen un total de 56 artesáns de 26 oficios diferentes, entre os que se atopan 41 expositores de produtos de Artesanía de Galicia —aos que se lles suma Álvaro Pin, máis coñecido coma o Florencio dos Barreiros, que estará facendo unha demostración de zocas— e 14 docentes dos diferentes cursos especializados e obradoiros abertos, xunto con 33 empresas de produtos gourmet, 24 das cales contan co selo de Artesanía Alimentaria.
Ademais dos expositores, que farán tamén demostracións en vivo, nos Pendellos poderanse atopar obradoiros abertos para o público adulto e infantil, cursos de formación especializada e showcookings a cargo de prestixiosos cociñeiros que presentarán os seus menús en pezas de Artesanía de Galicia. O horario de apertura da feira é de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas
コメント