Agolada leva o luns a pleno nomear Filla Predilecta á investigadora do municipio Marisol Soengas
Laura Moure/Agolada
A Corporación Municipal de Agolada celebrará un pleno ordinario o luns, 20 de xuño, ás 9:00 horas. Entre os puntos a tratar destaca a aprobación do nomeamento da reputada investigadora Marisol Soengas González como Filla Predilecta do municipio.
A Asociación Cultural Bico da Balouta propuxo este nomeamento a Soengas polos seus méritos e recoñecementos, tanto nacionais como internacionais como unha das investigadoras máis influentes no estudo do melanoma.

O equipo de goberno considerou que este recoñecemento é máis que merecido, polo que por Resolución de Alcaldía en data 11 de novembro de 2019, procedeu a propor esta distinción. Por acordo do órgano instrutor solicitáronse diferentes informes nos que quedaron acreditados os merecementos que xustificaron estas honras. Estes informes e declaracións tiveron entrada no Concello e foron favorables á concesión deste título de Filla Predilecta na figura da oriúnda Marisol Soengas.
Gran traxectoria
Marisol Soengas é natural da Aldea do Monte, na parroquia agoladesa de Ventosa. No ano 2009 recibiu o premio María Josefa Wonenburger Planells, concedido polo Xunta de Galicia. No ano 2017 foi distinguida polo Congreso Mundial do Melanoma, celebrado en Brisbane (Australia). Ademais, conta co prestixioso premio anual da Soiecty For Melanoma Research Estela Medrano Memorial Award, en recoñecemento ao seu traballo de investigación e por ser unha das investigadoras máis influentes no estudo do melanoma, xa que o seu grupo conseguiu arroxar luz sobre o complexo proceso de nacemento e evolución destes tumores. No 2017 tamén foi recoñecida co galardón Executiva 2017 da Asociación de Executivas de Galicia e co premio Constantes e Vitais á Mellor Investigación Biomédica. No ano 2018 recibiu as Placas de Honor da Asociación Española de Científicos. No ano 2021 recibe o premio Carmen e Severo Ochoa de Investigación en Bioloxía Molecular 2021 polos seus estudos sobre o melanoma e tamén foi nomeada académica na Real Academia Galega das Ciencias.
Por outra banda, na orde do pleno figuran tres mocións presentadas polo grupo da oposición: a realización do expediente para a declaración da Mostra de Artesanía de Agolada como Festa de Interese Turístico Galego; a rehabilitación integral da estrada que vai dende a EP-6303 á altura de A Baíña ata Brocos pasando polo Sexo e Agra e outra sobre a valorización da cultura da música popular en Agolada.