Participan 40 artesáns e durante dous días hai unha programación variada
Laura Moure/IsmaelRS/Agolada
Uns 40 artesáns danse cita na XIV Mostra de Artesanía de Agolada, que arrancou hoxe. Pasadas as 11:00 horas foi inaugurada a mostra cos discursos do deputado Manuel González e do alcalde, Luis Calvo. Estiveron presentes ademais o tenente de alcalde de Agolada, Óscar Val, os concelleiros de equipo de goberno Pedro García, Concepción Carballal, Marcos Galego e Manuel Hilario García; o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña; a concelleira de Vila de Cruces Mireya Otero, o mandatario de Santiso, Manuel Adán, e o rexedor e a tenente de alcalde Oleiros, Ángel García e María José Varela.
“A Deputación sempre está ao carón dos municipios pequenos, dos municipios do rural que as veces son os que están máis esquecidos”, apuntou o deputado Manuel González, quen indicou que “imos manter o compromiso con esta comarca en toda a lexislatura porque é a nosa forma de facer política e de ver como axudar a estes municipios”. “Esta feira de artesanía, que xa celebra a súa 24 edición, móstranos un pouco o que é un concello coma o de Agolada”, engadiu.
González aproveitou para contar unha anécdota: Foi a unha voda de mexicanos pola zona de Beariz, Avión (Ourense) e para a súa sorpresa falaban galego. “Falando con eles dixéronme: Mira rapaz, dicíame miña nai que o angazo nunca se pode esquecer”. O deputado quedou sorprendido, pero tamén feliz. “Feliz de ver que a xente emigra, como foi o teu caso, Luis (referíndose ao alcalde agoladés), pero volve á terra e mantén as súas tradicións. Facedes un concello máis moderno, pero respectando as raíces e esa é a forma de facer política. Felicitarvos porque entendedes moi ben esta fórmula que é como se chega á xente. Luis moito parabéns e tamén para o teu equipo de goberno polo traballo que estades facendo e ca Deputación ides contar sempre”.
De seguido, o mandatario agoladés deu o seu discurso: “Para nós é un gran pracer acoller esta celebración tan importante para o noso pobo. Son 40 os artesáns que estarán estes dous días connosco. Persoas que chegan dende distintos puntos da nosa xeografía e que fan verdadeiras marabillas coas súas mans. Moitas gracias para todos os que repetides ano tras anos e benvidos aos novos, que agardamos que xa marquedes esta data no voso calendario!”, indicou o rexedor agoladés.
“En Agolada non nos cansamos de presumir do noso fermoso enclave de Os Pendellos,
que está cargado de historia, e que entre todos debemos coidar e seguir loitando por
eles. E gracias a eventos coma estes podemos volver ao pasado e lembrar as nosas
feiras de antano, xa que cabe mencionar que a feira do doce de Agolada era unhas das
máis importantes da contorna”.
Sen máis, aproveitou para agradecer a todas as persoas e aos traballadores do Concello que axudaron a organizar este evento “porque facedes un papel fundamental. Gracias aos membros de Protección Civil, a Policía Local e á Garda Civil pola voso apoio”. E tamén agradeceu toda a axuda e colaboración da Deputación de Pontevedra e as palabras do deputado. “Convidamos a todos a desfrutar da variada programación destes dous días e por suposto, a que sigan visitando o noso pobo, porque temos fermosísimos atractivos turísticos”, recalcou Calvo.
Por último, todas as autoridades estiveron facendo un percorrido polos postos de artesanía, así como visitaron á exposición de pintura e de debuxo do artista de Berredo
José Ángel Ayude na Casa Museo; estiveron cos escritores Francisco Javier Aboy e
Pablo Otero que ambos días están na Sala 2 dos Pendellos dando a coñecer as súas
obras e tamén se pasaron polo showcooking a cargo dos chefs Álex Iglesias e Iván Méndez. Calvo tamén aproveitou para ensinarlle ao deputado un dos Pendellos que
necesita dun arranxo urxente.
Pola tarde, tivo lugar o espectáculo de Al y Tana e o concerto de Bico da Balouta e a Coral Polifónica de Agolada.
O espectáculo de Al y Tana.
Autor: Ecos da Comarca.
Commentaires