top of page

A concelleira de Ramala Hanan Kaoud comparte en Silleda a realidade de Palestina

 No encontro participaron tamén alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato do IES Pintor Colmeiro, que tiveron ocasión de escoitar e dialogar coa concelleira palestina


Laura Moure/Silleda

A concelleira de Ramala (Palestina), Hanan Kaoud, foi recibida onte pola alcaldesa Paula Fernández Pena e por integrantes do goberno municipal no marco da súa visita a Galicia promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello de Silleda. No encontro participaron tamén alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato do IES Pintor Colmeiro, que tiveron ocasión de escoitar e dialogar coa concelleira palestina, especialista en políticas de igualdade e defensora dos dereitos humanos.


Hanan Kaoud explicou que o conflito árabe-israelí se remonta á ocupación dos territorios palestinos e ao proceso de colonización iniciado hai décadas. “O xenocidio non comezou en 2023, senón en 1947”, sinalou, poñendo o foco na situación que se vive hoxe tanto en Gaza como en Cisxordania. Subliñou tamén a resistencia do pobo palestino e o papel fundamental da solidariedade internacional.“Sobrevivimos grazas ao apoio e á solidariedade da xente, de pobos como o voso e de moitos países que nos apoian”, afirmou.


A edil referiuse especialmente á situación das mulleres palestinas, que sofren as consecuencias da guerra e da ocupación con maior dureza, “afrontando riscos, mesmo cando se desprazan entre territorios controlados, con medo a posibles agresións sexuais”.


Na súa intervención, a alcaldesa Paula Fernández Pena destacou que neste tempo de lembranza e denuncia polo 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, é importante poñer o foco tamén nas mulleres que viven en territorios en conflito.

“A guerra arrinca vidas e destrúe comunidades, pero tamén revela a valentía e a dignidade de tantas mulleres que resisten. Hoxe temos o privilexio de contar cunha delas: Hanan Kaoud, que representa esa outra cara da guerra, a das mulleres que traballan pola paz e a xustiza desde as institucións locais”, subliñou a rexedora.

ree

Tamén interveu Ángela Troitiño, concelleira de Igualdade, quen destacou a importancia de encontros como este “para sensibilizar e promover valores de igualdade e solidariedade entre a mocidade”. Pola súa banda, Carmen Novas, técnica do Fondo Galego, agradeceu a acollida do Concello e explicou o obxectivo deste programa de visitas: “Poñer voz ás mulleres que viven en territorios ocupados e darlles espazo nos concellos galegos para que o seu testemuño contribúa á reflexión colectiva”.


Ao remate do acto, a alcaldesa fixo entrega a Hanan Kaoud dun pequeno recordo simbólico en nome de todo o pobo de Silleda, lembrando a bandeira solidaria co lema “Silleda con Palestina”, que ondeou nos últimos días na fachada do Concello como mostra de apoio e irmandade co pobo palestino. Kaoud tamén asino no Libro de Honra do Concello de Silleda, amosando o seu agradecemento polo apoio ao pobo palestino.


Hanan Kaoud valora enormemente as mobilizacións da sociedade civil en diversos países europeos e tamén as iniciativas de gobernos locais como as charlas que está a impartir en Galicia, xa que “este tipo de accións nos dan forza e son fundamentais para apoiar a causa”, asegura. “Imos seguir loitando pola nosa dignidade. Só cando pare a ocupación seremos libres. A ocupación é ilegal e ten que parar”, concliu recomendando aos asistentes ler e informarse sobre a realidade de Palestina.


O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 118 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 28 anos

tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.


Hanan Kaoud, que estes días está a visitar varios municipios galegos, é especialista en Políticas e Xustiza de Xénero, con máis de 30 anos de experiencia en gobernanza, dereitos humanos e igualdade de xénero en toda a rexión de Oriente Medio e Norte de África. Ten desempeñado un papel fundamental na elaboración de políticas sensibles ao xénero, na incorporación da perspectiva de xénero en mecanismos de protección e no fortalecemento da resiliencia comunitaria. Kaoud promoveu activamente a participación das mulleres nos ámbitos político e económico, elaborou completos manuais de transversalización do xénero e liderou accións de incidencia sobre cambio climático, dereito á saúde e violencia de xénero.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Como electa do Concello de Ramala (Cisxordania), Hanan Kaoud contribúe de maneira significativa á gobernanza local a través da súa participación en varias comisións municipais. Forma parte dos comités de Participación Comunitaria, Finanzas, Investimentos, Medios de Comunicación e Planificación Urbana, e actualmente preside o Comité de Supervisión e Control, desde o que promove a transparencia, a rendición de contas e a toma de decisións inclusiva.


Kaoud é tamén membro activa dos comités de Igualdade de Xénero da Unión de Cidades e Gobernos Locais, impulsando as axendas globais para unha gobernanza urbana inclusiva. Conta con estudos avanzados en Xénero e en Dereitos Humanos e Democracia, e a súa traxectoria profesional inclúe funcións como especialista nacional en xénero, planificadora estratéxica para a igualdade de xénero e mentora. O seu traballo demostra de maneira constante un profundo compromiso coa promoción da xustiza de xénero, os valores democráticos e os dereitos humanos tanto a nivel local como internacional.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page