top of page

AED e CCA de Lalín repartirán máis de 20.000 euros en premios na campaña “O Nadal de Lalín... mola”

A decoración dos locais, o reparto de 5.000 euros con “Rasca e gaña” que entregará a hostalaría, o servizo de paquetería gratuíta e o concurso de escaparates completan a campaña


Laura Moure/Deza

A Asociación de Empresari@s de Deza e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín presentaron este sábado a campaña de dinamización do comercio local que se desenvolverá ata o día 5 de xaneiro de 2022 baixo o lema O Nadal de Lalín... mola e que repartirá máis de 20.000 euros en premios. A presentación, que contou coa presenza do presidente da AED, Antonio Lamas, doutros directivos da asociación, da primeira tenente de alcalde, Paz Pérez, da concelleira de Comercio, Karen Fernández, e dalgúns comerciantes, tivo lugar na rúa Luis González Taboada, a carón dun buzón verde que terá gran protagonismo para participar no sorteo da meirande parte dos premios.


O presidente da AED destacou que “o gran esforzo desta campaña, que é a máis importante do ano para sectores como o comercio, está repartido entre a dinamización con actividades na rúa, os premios para incentivar as compras e a difusión publicitaria”. “Coa iniciativa O comercio de Lalín dá a cara tentamos ir concienciando á sociedade lalinense de que este Nadal, despois de todo o acontecido por mor da pandemia, é máis importante ca nunca apostar polo comercio tradicional nas compras que se fagan e agora, con esta campaña, tratamos de impulsar e incentivar con premios e actividades que a veciñanza faga efectiva esa aposta”, resaltou Lamas.

En canto aos elementos desta campaña de Nadal, Lamas indicou que ademais da decoración dos 92 comercios asociados que participan na mesma, a asociación celebrará un concurso de escaparates -o xurado realizará a avaliación dos participantes na semana do 20 de decembro- e repetirá a experiencia probada no Black Friday de habilitar un servizo de paquetería gratuíta dende este sábado ata o día 5 de xaneiro a través da empresa MRW Lalín. Este servizo abrangue os envíos comarcais, provinciais, rexionais e nacionais -só na península- e establece un límite de 30 paquetes por comercio, cun peso máximo de 10 quilogramos e un tamaño máximo de 1,5 metros. “A experiencia do envío gratuíto de paquetes no Black Friday funcionou bastante ben, porque supón un aforro importante para os clientes e para os establecementos á hora de enviar tanto as compras que se fan online como as que se realizan nas tendas para enviarlle como agasallos a outras persoas”, explicou Lamas.


“3 en liña” e “Rasca e gaña”

Un dos principais atractivos desta campaña de Nadal é a promoción “3 en liña”, que consiste en que aqueles clientes que realicen polo menos tres compras dun mínimo de 50 euros nos comercios asociados poderán optar ao sorteo diario -agás os días 8 e 25 de decembro e 1 de xaneiro- de 2 vales de compra de 250 euros cada un para canxear nos comercios asociados. A mecánica desta promoción é a seguinte: os 92 comercios participantes repartiranlle aos clientes os cartóns “3 en liña”, que na parte posterior teñen 3 celas para que cando realicen as tres compras dun mínimo de 50 euros cada unha, os comerciantes poñan o respectivo cuño ou sinatura. Unha vez completadas as tres celas os clientes deberán depositar esa tarxeta no buzón verde situado na avenida Luis González Taboada, a carón da igrexa. Cada luns durante a campaña, os técnicos da asociación recollerán os cartóns e procederán a realizar os sorteos non presenciais na sede da asociación co seguinte calendario: o primeiro sorteo realizarase o luns 13 de decembro para as tarxetas depositadas desde este sábado ata o día 12 de decembro; o segundo sorteo realizarase o luns 20 de decembro para as tarxetas depositadas do 13 ao 19 de

decembro; o terceiro sorteo realizarase o luns 27 de decembro para as tarxetas depositadas do día 20 ao 26 de decembro; o cuarto sorteo realizarase o luns 3 de xaneiro para as tarxetas depositadas do 27 de decembro ao 2 de xaneiro; e o quinto e último sorteo realizarase o luns 12 de xaneiro para as tarxetas depositadas os días 3, 4 e 5 de xaneiro.


Así, en total, sortearanse 60 vales de compra de 250 euros cada un, sumando un montante global de 15.000 euros en premios. A AED anunciará a relación das persoas premiadas en cada sorteo a través das súas redes sociais e comunicarallo directamente a cada agraciado/a, que deberá cubrir na tarxeta do “3 en liña” os seus datos persoais e de contacto antes de depositala no buzón. Ademais de presentar o DNI, para efectuar a recollida do premio será necesario presentar os tickets das tres compras dun mínimo de 50 euros realizadas nalgúns dos 92 comercios asociados participantes.


Outra das promocións desta campaña O Nadal de Lalín... mola consistirá no reparto dun total de 5.000 euros en vales de desconto a través dos “rasca e gaña” que repartirán 40 locais de hostalaría nas fins de semana do 18 e 19 de decembro e do 25 e 26 de decembro. Por cada consumición, os clientes destes establecementos recibirán un “rasca e gaña” entre os que haberá 250 cun premio de 10 euros e 500 de 5 euros para descontar en compras realizadas nos 92 comercios asociados que poderán consultarse na páxina web da AED (https://aedeza.gal/).


3 Iphone 13 co Carné Xove

O terceiro sorteo desta campaña de Nadal, especificamente orientado a fomentar as compras locais da mocidade menor de 30 anos, desenvolverase a través da páxina de Instagram da AED (@ae.deza) e consistirá en que aqueles mozos e mozas que realicen algunha compra nos 92 comercios asociados e escriban algún comentario ao respecto nos post sobre esta campaña de Nadal publicados pola AED entrarán no sorteo de 3 smartphones modelo Iphone 13. O sorteo realizarase automaticamente a través da plataforma Easypromos e os agraciados/as deberán acreditar ter menos de 30 anos, estar en posesión do Carné Xove da Xunta de Galicia e presentar un ticket dunha compra realizada nalgúns dos 92 comercios participantes nesta promoción.


Black Friday

Por outra banda, aproveitando a presenza de varios comerciantes na presentación da campaña de Nadal, a AED realizou o sorteo dos premios correspondentes ao Black Friday. As papeletas extraídas da urna determinaron que os 10 vales de compra de 100 euros cada un para canxear nos comercios asociados recaeron nas seguintes persoas: Maribel García, por unha compra realizada en Lencería Lilas; Mónica Cordido, por unha compra en Moca; Paula Cid, por unha compra en Colchonería Soños do Deza; María Carmen Iglesias, por unha compra en Colorín Colorado; Olalla Fondevila, por unha compra en Cris Abad; Lois María, por unha compra en Embutidos Lalinense; Mónica García, por unha compra en It ́s Man Only & Sons; Claudia Alonso Taboada, por unha compra en Intersport; Tito García,

por unha compra en Embutidos Lalinense; e Marcos López Méndez, por unha compra en Intersport.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page