Adega reivindica en Lalín 50 anos de loita ecoloxista coa súa exposición ao aire libre
- Laura Moure

- hace 8 horas
- 3 Min. de lectura
A mostra poderá verse na Praza do Concello ata o 5 de maio
Laura Moure/Lalín
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) inaugurou onte en Lalín a súa exposición "50 anos coidando a terra", que permanecerá na Praza do Concello (diante da Biblioteca Municipal) ata o vindeiro martes, 5 de maio. Esta mostra itinerante repasa, por medio de relatos e imaxes históricas, algúns dos fitos e mobilizacións ecoloxistas que máis pegada deixaron no país e que influíron de maneira máis acusada no presente e no noso devir futuro. Logo de recalar por diferentes concellos de Galicia, como Carballo, Muros, Arzúa, Valdoviño, Lugo, A Coruña, Ourense ou Santiago, a exposición fai parada agora en Lalín. A súa chegada a esta vila quere poñer en valor as loitas ambientais que ten librado a comarca de Deza e as súas poboacións fronte a numerosos episodios de espolio do noso territorio ao longo destes 50 anos.

ADEGA, moi presente na comarca
Marcial Barral, membro da directiva de ADEGA e veciño da comarca do Deza, foi o encargado de conducir o acto de presentación. Agradeceu a presenza do técnico de Medio Ambiente do Concello de Lalín, Xosé Manuel Méndez García; así como a participación de distintas asociacións e colectivos ambientais como o Proxecto Rexenerativo Deza e a Plataforma Stop Biometano Deza.Tamén recoñeceu a asistencia de representantes institucionais como Celia Alonso do PSdG en Lalín, e Ariadna Fernández, deputada do BNG no Parlamento galego.
Durante a súa intervención, Barral Barral puxo o foco no 50 aniversario do nacemento de Adega, unha asociación que, salientou, leva décadas "moi presente na comarca apoiando e promovendo actos reivindicativos en defensa do medio ambiente". Fixo un repaso por algunhas das principais loitas ambientais, como a oposición aos encoros no Ulla e á incineradora do Irixo ou a defensa das fragas de Catasós, así como polas ameazas máis actuais, en relación ao proxecto de Altri e as plantas de biometano ou biogás, cuxos impactos explicou Daniel López Vispo.
PUBLICIDADE
Así mesmo, destacou as colaboracións con dous dos proxectos máis emblemáticos da asociación: o Proxecto Ríos, mediante actuacións no Arnego, no Deza e no Ulla; e o Proxecto Cerna, a través da emisión do programa “Radio Cerna” na radio local de Lalín. Tamén puxo en valor as iniciativas de custodia do territorio impulsadas nos sobreirais do Arnego e na Eira da Xoana, onde se levan a cabo actividades como a recuperación de saberes e oficios tradicionais.
Pola súa banda, o técnico de Medio Ambiente do Concello de Lalín, Xosé Manuel Méndez García, tamén tomou a palabra para poñer en valor algúns dos proxectos de Educación Ambiental que ADEGA ten desenvolto no concello nos últimos anos, como o Proxecto Ríos e o programa de compostaxe caseira na parroquia lalinense de Goiás, e animou a ADEGA a continuar traballando pola defensa da terra.
O acto estivo amenizado polo grupo de gaitas Bico da Balouta, que puxo música ao comezo e ao peche dunha xornada na que tamén se recolleron sinaturas a prol do arquivo definitivo do proxecto de Altri e da Mina de Touro-O Pino. Finalmente, a secretaria executiva de ADEGA, Belén Rodríguez, ofreceu unha visita guiada pola mostra para todas as presentes.
PUBLICIDADE
50 anos coidando a terra
A exposición ao aire libre estrutúrase en 16 paneis distribuídos en catro tótems cúbicos, acompañados de bidóns simbólicos que recrean materiais radioactivos, en referencia á oposición galega aos vertidos nucleares na Fosa Atlántica, unha das mobilizacións ecoloxistas máis emblemáticas do país.
A través de textos e imaxes, a mostra ofrece un percorrido pola historia da organización e polas principais ameazas ambientais ás que se enfrontou Galicia nos últimos 50 anos, desde a loita contra as verteduras contaminantes e os incendios forestais ata a defensa do territorio fronte á especulación e os macroproxectos industriais.Esta mostra ten como obxectivo conmemorar o 50 aniversario de ADEGA, promover a educación ambiental e incentivar o compromiso das novas xeracións coa defensa da terra e dun futuro sustentable para Galicia.








Comentarios