top of page

Adega impulsa un novo campo de voluntariado para restaurar zonas queimadas na Agolada

Será esta fin de semana na parroquia do Sexo


Laura Moure/Agolada

A asociación ecoloxista ADEGA desenvolverá esta fin de semana, 6 e 7 de decembro, un novo campo de voluntariado para a restauración ambiental de zonas queimadas, nesta ocasión na parroquia do Sexo (Agolada). Dá así continuidade aos labores iniciados en Valdeorras a mediados de outubro, onde cerca de 70 persoas voluntarias actuaron -coordinadas por ADEGA- en cinco áreas queimadas da comarca. Neste novo campo, ADEGA conta coa colaboración do Concello de Santiso, da Fundación Eira da Xoana e do colectivo veciñal O Sexo Ardeu, que achegan apoio para o desenvolvemento das tarefas de voluntariado ao pé do rego e da fervenza da Baíña, un dos espazos afectados polos incendios deste pasado verán.

ree

En concreto, o lume arrasou neste lugar unhas 500 hectáreas, entre as que había bosque autóctono, de ribeira e matogueira; e afectou unha zona incluída na proposta de ampliación da Rede Natura 2000, que conectaría a Serra do Careón co Sobreiral do Arnego.


Un voluntariado para a restauración ambiental

O grupo de voluntariado, conformado por unhas 20 persoas procedentes tanto de Agolada coma doutros puntos da xeografía galega, estará coordinado por dúas persoas técnicas de ADEGA. Desenvolverá tarefas de mulching (acolchamento con palla) e construirá trampas de sedimento para o control de erosión e freo das escorrentas. O obxectivo é contribuír a protexer o solo fronte á perda de terra fértil, minimizar o arrastre de cinzas cara aos cursos de auga e favorecer unha recuperación máis rápida e natural da vexetación.


 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Previamente, ADEGA forneceu ás persoas participantes formación específica sobre o impacto dos incendios no solo e técnicas de protección e recuperación, co fin de garantir unha intervención o máis segura posible. O traballo sobre o terreo comezará o sábado ás 10:00 horas e estenderase ata o domingo ao mediodía. Todas as persoas contan co correspondente seguro de responsabilidade civil e de accidentes.


Tras a intensa experiencia vivida en Valdeorras, ADEGA subliña que estes traballos “amosan o enorme potencial do voluntariado galego para contribuír á restauración hidrolóxica e ecolóxica dos montes queimados”. A organización reclama ás administracións públicas, unha vez máis, a creación dun programa galego estable de voluntariado ambiental, activo todo o ano e coordinado con entidades con capacidade organizativa e formativa. Namentres, ADEGA xa prevé novas actuacións de repoboación vexetal, de recuperación de hábitats afectados e de eliminación de especies exóticas invasoras de cara á primavera do vindeiro ano 2026, co obxectivo de contribuír á restauración dos espazos queimados e á divulgación dos seus valores naturais.


Roteiro pola zona cero de Altri

Xa o domingo pola tarde, e como punto final da xornada, ADEGA organiza un roteiro pola contorna onde se pretende instalar Altri. En concreto, visitaremos a zona onde se producirían os vertidos da macrocelulosa, na confluencia entre o rego da Baíña e o río Ulla. A andaina será guiada polo biólogo Iván Orois, que debullará o impacto ambiental deste proxecto e dará a coñecer os valores naturais que pon en risco. 


Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

ADEGA aproveita tamén para facer un chamado a participar na gran mobilización convocada para o 14 de decembro en Santiago de Compostela. Unha protesta impulsada pola Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, coa colaboración do resto de colectivos involucrados na loita, que ten vocación de ser unha estocada final ao proxecto, baixo o lema: "Altri, non. Fóra xa. Desde a Ulloa ata o mar, polas que somos e as que virán".


Agradecementos

Por último, ADEGA quere agradecer a quen fai posible este campo de voluntariado: ás persoas participantes; ao Concello de Santiso, que pon a disposición das voluntarias o espazo para pernoctar; e á veciñanza do Sexo, que cede o seu local para o xantar do domingo -a cargo de Sara, unha das veciñas- e proporciona material e palla para desenvolver os labores de campo. Tamén á Fundación Eira, a O Sexo Ardeu e a Iván Orois, biólogo, por colaborar con ADEGA nun campo de voluntariado que non só procura recuperar os espazos queimados, senón tamén reivindicar e divulgar os valores ambientais que os fan únicos.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page