Laura Moure/Palas de Rei
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) sinala que as pasteiras de ALTRI e ENCE aspiran a captar fondos PERTE para a descarbonización industrial malia incumpriren as condicións das axudas e o marco normativo europeo. ADEGA esixe ao Ministerio de Industria que rexeite financiar este tipo de proxectos.
O goberno do Estado habilitou unha liña de axudas (subvencións e empréstitos) de 3.100 millóns de € para a descarbonización industrial dentro do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE). A estas axudas empresas como as pasteiras ENCE e ALTRI xa anunciaron a presentación de proxectos. "Dende ADEGA chamamos a atención sobre as contradicións que amosan proxectos como os de ALTRI, que baixo o pretexto de contribuiren a reducir as emisións e capturar carbono, agochan un maior consumo de recursos naturais, unha maior contaminación e a degradación de hábitats e servizos ecosistémicos chave para mitigar os efectos do cambio climático: xusto o contrario do que pretende tanto o PERTE como o marco normativo europeo",.
Publicidade
ALTRI, recalca Adega "incumpre as condicións do PERTE e contradí a normativa europea".
Un dos obxectivos do PERTE é o fomento da descarbonización dos procesos industriais e a mellora ambiental. Para isto establece unha serie de axudas para a electrificación de procesos e incorporación do hidróxeno; a xestión enerxética integral de procesos industriais; a redución do uso de recursos naturais o a captura de carbono. Dentro desta última liña de axudas, a captura de carbono, inclúense as solictudes de ALTRI e ENCE.
Porén, unha das condicións que o PERTE establece para financiar proxectos de captura, almacenamento e uso do carbono é "que estes proxectos non contraveñan o principio de DNSH".O Principio DNSH (Do No Significant Harm) é unha condición definida pola Comisión Europea que obriga a realizar unha autoavaliación que asegure que o investimento ou reforma non afecta negativamente a un, ou varios, dos 6 obxectivos medioambientais definidos no Regulamento 852/2020.O Regulamento (UE) 852/2020 relativo aos investimentos sustentábeis establece no seu Artigo 9 cais son eses 6 obxectivos medioambientais que os proxectos deben respectar (non afectar negativamente a un ou a varios) para seren considerados investimentos sustentábeis e, consecuentemente, seren financiados polo PERTE:
a) mitigación do cambio climático;b) adaptación ao cambio climático;c) uso sustentábel e protección dos recursos hídricos e mariños;d) transición para unha economía circular;e) prevención e control da contaminación;f) protección e recuperación da biodiversidad e dos ecosistemas.
Publicidade
"Fica moi claro que ALTRI e ENCE incumpren claramente cando menos catro destes obxectivos, e posiblemente tamén os outros dous. Dende ADEGA preguntámonos como é posíbel que celulosas como a de ALTRI ou ENCE pretendan facer ver ao Ministerio que os seus proxectos contribúen ao uso sustentábel e protección dos recursos hídricos e mariños, a reducir a contaminación ou a permitir recuperar a biodiversidade dos ecosistemas. A natureza dos seus procesos industriais, moi intensivos no consumo de enerxía e recursos naturais como a auga; a forte contaminación que producen; os enormes requerimentos de insumos como a madeira de eucalipto, alongando o nefasto modelo do monocultivo intensivo; o deterioro dos hábitats naturais e a perda de biodiversidade que directamente causan ou inducen, son algúns dos factores que o Ministerio está obrigado a considerar para avaliar se estes proxectos cumpren cos requisitos de financiamento que a UE establece para recibir fondos PERTE".
É moi evidente, subliña Adega, "que non os cumpren, polo que o Ministerio non debería sequera admitir a trámite (como aconteceu cos fondos Next Generation) proxectos de celulosas como o de ALTRI, para non comprometer recursos públicos nin facer perder o tempo á cidadanía e ás propias peticionarias".
Comments