top of page

Actuarase na igrexa de Paradela, en Toques, e na de Carteire, en Palas de Rei

A Xunta renova o convenio coas dioceses galegas con 600.000 euros para intervencións en 16 igrexas parroquiais


Laura Moure/Toques/Palas de Rei

O Consello da Xunta deu onte luz verde á renovación do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e as dioceses galegas para contribuír a pequenas actuacións de conservación e mantemento de 16 igrexas parroquiais que forman parte do patrimonio cultural de Galicia. Así, o acordo prevé este ano unha achega de 600.000€ para realizar distintas intervencións de protección e rehabilitación nestes bens ao longo do ano.

A igrexa de Paradela, Toques.
A igrexa de Paradela, Toques.

Cómpre destacar que o importe se incrementou significativamente con respecto ao anterior acordo, en 250.000€, chegando así a un maior número de parroquias e bisbarras, colaborando na preservación do patrimonio e no desenvolvemento de áreas rurais. As partidas repártense entre as seis dioceses existentes, de tal xeito que a de Lugo recibirá 147.600€ para levar a cabo a reparación das cubertas na igrexa de Santo Estevo, en Baralla; na de San Paio de Paradela, en Toques; na de Santa María de Cabanela, en Navia de Suarna; na de Santa María de Carteire, en Palas de Rei, e no complexo pastoralparroquial de Ferreira de Pallares, en Guntín.


Pola súa banda, a Diocese de Santiago percibirá 129.000€ para actuar na reconstrución do cerramento da igrexa de San Martiño de Tiobre, en Betanzos, e na renovación da cuberta e das fachadas de San Pedro de Vilar, en Pontedeume. Mentres, na Diocese de Ourense destinaranse 113.400€ a investir na eliminación de humidades en Santa María de Feces de Abaixo, en Verín; en San Lourenzo de Piñor, en Barbadás, e en San Ramón de Armariz, en Nogueira de Ramuín.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Ao abeiro deste convenio, tamén se achegarán 94.800€ á Diocese de Mondoñedo-Ferrol, que permitirán mellorar as condicións da igrexa de Nosa Señora das Dores, en Ferrol, con traballos de limpeza e consolidación das súas torres, e renovar as cubertas de Santiago de Quende, en Abadín, e da igrexa de San Tirso de Portocelo, en Xove. A esta partida sumaráselle a de 76.200€ da Diocese de Tui-Vigo, que se repartirá entre o acondicionamento de San Martiño de Verducido, na Lama, coa rehabilitación da cuberta, e San Martiño de Vilasobroso, en Mondariz, poñendo solución ás humidades.


Ademais, á Diocese de Astorga corresponderanlle 39.000€ para o desenvolvemento de obras de reparación da cuberta na igrexa de Lamalonga, na Veiga.


Colaboración estable

O convenio renovado onte forma parte do compromiso do Goberno galego coa preservación do patrimonio cultural de todo o territorio e enmárcase na colaboración estable que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén coas dioceses galegas para a posta en valor dos seus bens máis senlleiros.


Publicidade

Así, o acordo é garante da realización das intervencións necesarias propostas polas dioceses para a protección, conservación e rehabilitación das igrexas parroquiais pertencentes ao patrimonio artístico de titularidade eclesiástica. Deste xeito, polo seu alto valor artístico, cultural e histórico, desde a Xunta vélase pola súa conservación a través de distintas axudas, como as enmarcadas no convenio mixto, a través do que atende, realizando investimentos directos, as necesidades de mantemento e restauración destes bens, aos que destinou 1,2M€ desde o 2019.


Ademais, cómpre destacar que moitos dos bens culturais da igrexa están incorporados á lista do patrimonio mundial ao estaren vencellados ao Camiño Francés e aos Camiños do Norte, ademais de contar con grandes mosteiros, abadías, conventos, conxuntos catedralicios e diferentes monumentos declarados ben de interese cultural.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page