Acaban as obras do proxecto viario do Plan Concellos de Silleda co pintado de varias estradas
Laura Moure/Silleda
As obras de mellora viaria que se veñen realizando nas últimas semanas en distintos puntos do termo municipal de Silleda, tocan ao seu fin co pintado da explanada xunto ao CEIP Ramón de Valenzuela e doutras vías, coma o caso da pista principal de Dornelas.

Na pasada xornada procedeuse ao pintado da explanada do centro, onde ademais do estacionamento dos autobuses de transporte escolar tamén se colocaron bolardos como medida de seguridade. “Co aglomerado do acceso e de toda explanada, e agora ca sinalización horizontal, mellorase todo o entorno e a seguridade para as persoas usuarias do centro e de instalacións como o pavillón polideportivo e as piscinas municipais da localidade”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, que visitou o lugar xunto co concelleiro de Obras, Antonio Ferro Losada, o director de obra e os responsables da empresa adxudicataria.
Tamén nos últimos días se procedeu a pintar a estrada principal de Dornelas, a máis longa de todo este proxecto, con case 2,5 quilómetros de lonxitude, por tratarse dun vial distribuidor. Outro dos viais que se pintou foi o tramo entre o acceso ao recinto feiral de Silleda e a avenida da Estación, en Silleda.
Con esta actuación, cun investimento de máis de 540.000 euros, melloráronse pistas e accesos en Taboada, Margaride, Silleda, A Bandeira, Moalde, Carboeiro, Ansemil, Vilar, Ponte, Lamela, Dornelas e Cira. Nos vindeiros días está previsto que se liciten os traballos de novas actuacións de mellora viaria no rural por valor de 1,2 millóns de euros.