Acaba a primeira fase da mellora do centro social de Saídres, que estrea instalacións máis modernas
- Laura Moure

- 22 jul
- 2 min de lectura
A actuación, cun investimento superior aos 67.000 euros financiado a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de rematar a primeira fase das obras de mellora e ampliación do centro social de Saídres, unha actuación que permitiu renovar o edificio da antiga escola e avanzar na transformación deste espazo comunitario da parroquia.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e a deputada provincial Belén Cachafeiro visitaron as instalacións para comprobar o resultado dos traballos, executados pola empresa Covisam Norte, S.L. cun investimento superior aos 67.000 euros, financiado ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. “Esta actuación permítenos recuperar e modernizar un espazo moi importante para a vida social de Saídres, facéndoo máis accesible, cómodo e funcional para toda a veciñanza”, destacou a alcaldesa.

Esta primeira intervención forma parte do proxecto integral redactado pola arquitecta Marlene Pérez e presentado previamente á veciñanza da parroquia. A proposta completa contempla a ampliación do centro social mediante a creación dun novo espazo polivalente na zona ocupada anteriormente polas vivendas dos mestres, conectado co edificio da antiga escola.
Nesta primeira fase levouse a cabo o derrube das antigas vivendas dos mestres, unha actuación acordada coa veciñanza debido ao avanzado estado de deterioración que presentaban. A demolición permitiu liberar a parcela e preparar o ámbito no que se desenvolverá a futura ampliación do centro.
PUBLICIDADE
Ao mesmo tempo, reformouse o edificio da antiga escola, construído en 1921 e empregado actualmente como centro social. Os traballos incluíron a creación dun novo acceso e dun vestíbulo, a instalación dun aseo accesible e a habilitación dun novo espazo destinado a cociña. Tamén se renovaron os acabados interiores e o sistema de iluminación, e executáronse actuacións de drenaxe para evitar filtracións e problemas de humidade no inmoble.
A intervención completouse coa urbanización interior da parcela, mellorando a conexión do centro social co campo da festa e co viario público e facendo máis cómoda e funcional toda a contorna.
Fernández Pena salientou tamén que “o remate desta primeira fase supón un paso moi importante, pero o proxecto non conclúe aquí. O obxectivo é continuar avanzando para completar a ampliación e dotar a parroquia dun espazo polivalente que dea resposta ás súas necesidades presentes e futuras”.
PUBLICIDADE
O proxecto terá continuidade nunha seguinte fase coa construción do novo espazo polivalente de planta baixa previsto na zona das antigas vivendas dos mestres. Esta nova edificación estará conectada co centro social actual e permitirá ampliar a superficie dispoñible para actividades, encontros e iniciativas da veciñanza.
Co remate desta primeira fase, Saídres dispón xa dun centro social renovado, máis accesible e mellor preparado para acoller a actividade social e cultural da parroquia, ao tempo que se sentan as bases para completar a ampliación prevista no proxecto.








Comentarios