Odaiko actuará o domingo 17 no auditoiro Semana Verde dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra e Ana Cabaleiro presentará o seu novo libro o 15
Laura Moure/Silleda
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou este xoves a convocatoria das Subvencións a Deportistas Individuais Federados/as do Concello de Silleda para a tempada 2021/2022. As axudas están destinadas á práctica deportitiva de xeito individual ou por parellas, cunha dotación económica de 3.000 euros. Poderán optar deportistas federados/as que estén empadroadas no Concello de Silleda con anterioridade á aprobación das bases, que conten ca licencia vixente expedida pola correspondente federación e que participen en competicións oficiais a nivel autonómico e nacional.
As persoas aspirantes deberán de presentar entre outra documentación un proxecto deportivo para a vindeira tempada, no anexo que acompaña ás bases, publicadas no BOP o pasado 9 de agosto. Os criterios para a concesión rexeranse polos cerfificados da correspondente federación, valorando o nivel de competición, historial deportivo, convocatorias con seleccións, categoría dos deportistas (primando as previas á absoluta) e puntuarán tamén as licenzas femininas e de deporte adaptado.
Importe máximo 1.000 euros
O importe máximo por cada axuda será de 1.000 euros. Serán gastos subvencionables a adquisión de material deportivo, gastos de desprazamento para participar en competicións, pago de adestradores… e os relacionados ca práctica deportiva.
A comisión de valoración das axudas elaborará un informe por cada unha das solicitudes presentadas, elevando as propostas á Xunta de Goberno Local. O prazo para solicitar estas axudas remata o vindeiro día 22. “Con estas bases, que se elaboran por primeira vez no Concello de Silleda, buscamos apoiar ás persoas deportistas que a nivel individual están competindo en circuitos oficiais a nivel tanto galego coma nacional”, indica a concelleira de Deportes Mónica González.
Axudas libros e material para familias vulnerables
Por outra banda, tamén no BOP deste xoves se publica a convocatoria de axudas do Concello de Silleda para a compra de libros e material escolar destinadas ás familias que precisan dunha protección especial ou que teñan a todos os seus membros en situación de desemprego. O prazo, ao igual que no caso das deportivas, é de 15 días naturais contados a partir de hoxe, venres.
Nos próximos días tamén se abrirá, coa correspondente publicación da convocatoria, o prazo para solicitar as axudas ao estudo para a veciñanza de Silleda que esté a realizar estudos universitarios ou de ciclos de formación profesional.
Música na Bandeira
Por outro lado, o programa Musigal, da Deputación de Pontevedra, volve recalar en Silleda un ano máis. O certame traerá o vindeiro domingo día 17 á localidade o espectáculo Orixes, do grupo de percusión Odaiko, unha proposta na que a formación volta aos seus inicios cun animado concerto ideal para desfrutar en familia.
A banda, que comezou hai 12 anos, volve xuntar a todos os compoñentes orixinais. Juan Collazo, Félix Rodríguez, Antonio Ocampo, Francisco Troncoso e Xiana Lastra, -a primeira voz da formación e hoxe tamén da Banda da Loba, subirán ao escenario do auditorio da Semana Verde para ofrecer o espectáculo estrenado este verán.
A cita, con entrada libre, será o domingo 17, ás 19:30 horas.
Presentación libro
Mentres, o día 15, ás 20:30 horas, a Casa da Cultura de Silleda acollerá a presentación do lirbo Deixádenos remar da xornalista e escritora silledense Ana Cabaleiro. Ademais da autora tamén a asistirá a concelleira de Cultura de Silleda, Mónica González.
Comments