top of page

Abel Losada felicita á alcaldesa de Silleda polo “paso valente” e o “compromiso” de sumarse a VioGén

A Policía Local colaborará, a partir de agora, na vixilancia e acompañamento ás 13 mulleres rexistradas en Silleda


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda incorporouse á rede de municipios adheridos ao sistema integral de protección das vítimas de violencia de xénero VioGén coa celebración dunha Xunta de Seguridade Local que estivo presidida pola alcaldesa, Paula Fernández, e copresidida polo subdelegado do Goberno, Abel Losada. O subdelegado felicitou expresamente á alcaldesa polo “paso valente e o compromiso de terse adherido a VioGén, demostrando así o interese por protexer ás mulleres da lacra da violencia machista”.


Na xuntanza tomou parte o coronel da Garda Civil, Manuel Touceda, e os mandos da Benemérita; así como a concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño; persoal do CIM e a xefa de Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María José Rodríguez. O protocolo de colaboración entre a Comandancia e o Concello quedou asinado e, xa nos próximos días, a alcaldesa asinará o convenio co Ministerio de Interior.

Abel Losada engadiu que a resposta de Silleda, unha vez que a Subdelegación lle propuxo a adhesión a VioGén foi inmediata “e todo foron facilidades”, permitindo así que os trámites avanzaran moi rápido. Deste xeito, Silleda convértese no vixésimo concello da provincia en formar parte de VioGén e o segundo das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, toda vez que só estaba adherido Lalín.


Paula Fernández agradeceu o ofrecemento da Subdelegación para sumarse “a un proxecto que é de todas e todos, como é a protección das mulleres e indicou que se xa había colaboración anteriormente entre a Garda Civil e a Policía Local, a partir de agora máis, porque vai estar protocolarizada”. “O que estamos facendo hoxe é un exercicio de responsabilidade en beneficio das mulleres e, por tanto, de toda a veciñanza de Silleda”, engade a alcaldesa.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

En Silleda hai, a día de hoxe, un total de 13 casos activos de violencia de xénero, dos que 1 está declarado de risco alto, 2 de risco medio, 7 de risco baixo e 2 de risco non apreciado. Ademais, hai 5 ordes xudiciais de protección sobre vítimas e unha delas conta cun teléfono “Atempro” (dispositivo que se entrega a vítimas de violencia de xénero ou violencias sexuais polos Servizos Sociais municipais). Non hai ningún dispositivo electrónico “Cometa” (que advirte cun sinal do incumprimento das ordes de afastamento).


Ademais, en Silleda hai tres autores con máis dunha vítima e tres mulleres con máis dun agresor. A idade maioritaria das vítimas está na franxa entre os 31 e os 45 anos. Finalmente, deuse conta de que Silleda ten recibido 32.546 euros do Pacto de Estado de Violencia de Xénero, fondos que reparte o Ministerio de Igualdade, dende o ano 2018. Coa adhesión a VioGén os 4.728 euros recibidos o ano pasado incrementaranse proporcionalmente.

Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Unha vez que o Concello forma parte de VioGén, a partir de agora celebraranse xuntanzas periódicas da Mesa de Violencia, foro no que participan a Garda Civil, a Policía Local, a Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación e o Centro de Información á Muller (CIM) para analizar a operativa de cada caso e o funcionamento ordinario. Ocasionalmente, en función dos temas a tratar poden incorporarse tamén a Concellería de Igualdade e, no seu caso, a Alcaldía.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page