A área gandeira de Abanca Semana Verde 2025 medra en razas, novidades e actividades
- Laura Moure
- hace 2 días
- 4 Min. de lectura
A 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celebrarase entre o 5 e o 8 de xuño
Laura Moure/Silleda
A 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará entre o 5 e o 8 de xuño, contará na súa área gandeira con multitude de actividades e novidades centradas nas razas autóctonas galegas. En canto ás autóctonas de Galicia en perigo de extinción, estarán presentes de man da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) e as súas asociacións integradas e tamén da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego.
Destacarán as súas exposicións e concursos morfolóxicos. Así, en canto a estes últimos, terán lugar o 5º Concurso da Ovella e Cabra Galegas, con máis de 30 exemplares de nove ganderías, o 8º do Porco Celta na Semana Verde, con 60 exemplares de 25 ganderías, o 10º Campionato da Galiña de Mos, que inclúe o 16º Concurso Monográfico e a 12ª Exposición e Concurso por lotes e que reunirá máis de 150 exemplares adultos, e tamén unha nova edición do Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega de Puraga. Das bovinas celebraranse cinco competicións nas que participarán máis de 70 exemplares de 19 criadores, as cales serán o 12º Concurso Morfolóxico da Raza Cachena, o 11º da Vianesa, 10º da Caldelá, 9º da Limiá e o 7º da Frieiresa. Ademais, de Galiña de Mos haberá de novo un mercado de aves vivas con máis de 1.000 pitos á venda.

Estas razas en perigo de extinción tamén protagonizarán outras actividades, como a exposición e entrega de premios do I Concurso de Fotografía Autóctonas Galegas Abanca, nas que se mostrarán e galardoarán as mellores imaxes desta competición, que se celebrou o ano pasado entre todos os criadores das asociacións integradas na Federación de Razas Autóctonas de Galicia. E tamén o I Concurso Interracial de Manexo Porcino: Porco Celta vs Gochu Asturcelta, unha actividade que pretende destacar a manexabilidade destas dúas razas autóctonas españolas e difundilas entre as novas xeracións. Nesta orixinal competición posta en marcha por Asoporcel representarán a cada raza o pontevedrés Anxo Calviño (de Vila de Cruces), que conta con 8 anos e concursará con Galiciña, e a asturiana Sara Blanco (de Oviedo), de 14 anos e que estará acompañada por Ivana.
Ademais, centrada no Cabalo de Pura Raza Galega, e de man de Puraga celebrarase unha rapa das bestas con eguas de monte nun curro e a participación de varios grupos de aloitadores e, por primeira vez, un desfile de exemplares desta raza engalanados ao modo tradicional. Sumarase unha exhibición de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra e doma clásica con cabalos de Pura Raza Galega da sección de doma de alta escola de Galicia “Dragóns de Santiago”, copatrocinada polos fondos europeos FEADER “Europa Inviste no Rural”, Ministerio de Agricultura, Xunta de Galicia e Asociación Pura Raza Cabalo Galego.
As razas autóctonas galegas en perigo de extinción tamén estarán presentes no 28º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca. Participarán 14 produtores baixo as marcas comerciais “Gandería Balín”, “Cachenas de San Breixo”, “Gandaría e Carnicería Lage”, “Gandería Tras do Río”, “Aves do Concello”, “Churras da Caneira Lourdes Mulet”, “Montes de Boado-Manuel Teijeiro Castillo”, “Granxa Aeiroá”, “O Agro – Roberto Louzán”, “Granxa Castro de Madrosende”, “CMF Celtaporc”, “Cooperativa Tres Fuciños”, “Celtagal” e “CienporCel”.
Así mesmo, volverá o restaurante “Tapirazas”, onde cada día se poderá degustar un menú diferente a base destas razas. Brioche de pastrami afumado das razas Caldelá e Vianesa, canelón de boloñesa de poldro de Pura Raza Galega ou goulash de Cachena e Frieiresa con Fabas de Lourenzá serán só algunhas propostas, elaboradas polo cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do Restaurante AUTGA-Autóctonas.
Outras razas autóctonas e conferencias
Por outra banda, a feira contará con outras razas autóctonas, como a Galiña Piñeira, que repetirá na feira concurso monográfico de man da Asociación Galega da Galiña Piñeira (Agalpi), e tamén o Can de Palleiro, cuxo Club celebrará un Monográfico e entregará o seu “Palleiro de Honra”, entre outras propostas. Así mesmo, estará a Rubia Galega, cunha ampla exposición organizada pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga).
Ademais, Feuga organizará a xornada “Evento Geronimo Stakeholder 2025”, na que se presentará a epixenética na cría de animais e expoñeranse experiencias de criadores locais baixo aspectos como recuperación de razas autóctonas españolas e galegas, a crónica da pegada do Porco Celta en Galicia ou “Bio4trace”, biotecnoloxía para a rastrexabilidade e a selección xenérica en razas minoritarias españolas.
. Publicidade
Unha ampla mostra ovina e caprina, outra novidade
Outra das novidades desta edición será unha ampla mostra de ovino selecto da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), cunha vintena de exemplares. Poderanse ver ovellas Texel Azul e Texel Negra, que derivan da Texel e son orixinaria da illa do mesmo nome, situada en Países Baixos, sendo animais apreciados tanto para produción cárnica como de la. Tamén estará presente a cabra surafricana Boer Vermella ou Kalahari, principalmente produtora de carne; e a ovella Suffolk, raza inglesa con dobre propósito, carne e la. Sumaranse a ovella francesa Charolesa, tamén con dobre propósito; a ovella Churra, unha raza autóctona da península que é unha das máis primitivas deste territorio e boa produtora tanto de leite como de carne, e tamén as ovellas Ille de France, raza francesa cruzamento de Dishley e Merino Rambouillet con aptitude mixta.
Ademais, Ovica e a Asociación de Cans Pastores de Galicia (Acapagal) realizarán unha exhibición de pastoreo na que varias ovellas desta exposición serán pastoreadas por cans border collie. Obediencia, guiado ou separación dunhas das ovellas do rabaño serán algunhas das destrezas que poderá ver o público
Comments