A XXV Feira da Troita de Sobrado celebrarase os días 8 e 9 de agosto cun amplo programa
- Laura Moure

- hace 13 horas
- 3 min de lectura
Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde de Pontedeume e deputado provincial, será o pregoeiro
Laura Moure/Sobrado
Sobrado xa ten todo preparado para celebrar a XXV Feira da Troita, unha cita consolidada no calendario estival que terá lugar os días 8 e 9 de agosto cun completo programa que combinará deporte, cultura, música, tradición e gastronomía. O alcalde de Sobrado, Lisardo Santos, e o coordinador da organización da Feira da Troita, Víctor Cabanas, presentaron o cartel e a programación da XXV Feira da Troita, unha edición especialmente
significativa ao cumprirse 25 anos consecutivos dunha celebración que se consolidou como a cita máis representativa do concello.
Durante a presentación, o alcalde destacou a importancia desta efeméride e sinalou que “chegar ás vinte e cinco edicións consecutivas é motivo de orgullo para Sobrado. A Feira da Troita medrou mantendo a súa identidade e converténdose ano tras ano nunha celebración gastronómica que identifica ao noso concello. O noso compromiso é seguir impulsándoa e elaborando o mellor cartel posible”.
Na presentación deuse a coñecer tamén o cartel anunciador desta edición, que mantén a imaxe que identifica a feira desde hai anos, coa ilustración de dous pescadores nunha lancha sobre a lagoa de Sobrado, ademais da característica combinación das cores laranxa e negra, convertida xa nun dos sinais de identidade desta celebración.

A XXV Feira da Troita está organizada integramente polo Concello de Sobrado, subvencionada pola Deputación da Coruña e coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, Xacobeo 2027 e AGADIC.
A programación arrancará o sábado 8 de agosto ás 18:30 horas coa celebración da X "Corretroita", unha carreira popular de 8 quilómetros. Xa pola noite desenvolverase o XX Festival Musical e Intercultural da Xuventude, que comezará ás 20:30 horas coa actuación de The Cruze na Praza do Concello.

A partir das 22:30 horas, a explanada do Pavillón Polideportivo converterase no epicentro da festa cos concertos de Nacha Pop, Los Rebeldes, Alga e a sesión da discoteca móbil Will.
O domingo 9 de agosto, a actividade trasladarase de novo á Praza do Concello. Ás 11:00 horas abrirán os postos de artesanía e gastronomía, mentres que ás 12:30 horas actuará a agrupación folclórica Guágaro, chegada desde Tías (Lanzarote).
O pregón oficial celebrarase ás 13:30 horas e correrá a cargo de Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde de Pontedeume e deputado provincial.
PUBLICIDADE
A sesión vermú estará amenizada pola orquestra Superstar a partir das 14:00 horas. Xa pola tarde haberá actuacións de Señor Magick DJ (16:30 horas), unha zona de xogos na Vía Sacra desde as 17:00 horas, o concerto de Louband ás 18:00 horas e a actuación de Festicultores Troupe ás 20:00 horas.
A música continuará ás 22:00 horas co concerto de Xáscariz, seguido da tradicional foliada nocturna coa orquestra Superstar ás 23:30 horas. A festa prolongarase ata a madrugada cunha sesión Non Stop de Señor Magick DJ, que dará comezo ás 03:00 horas.
PUBLICIDADE
Como é tradición, durante a xornada do domingo tamén haberá degustación de troita á montañesa na Praza do Concello e nos locais hostaleiros de Sobrado, convertendo a gastronomía nun dos grandes atractivos desta emblemática feira. O Concello habilitará arredor de 700 prazas entre mesas e cadeiras para esta degustación popular, na que tamén se servirá polbo. Ademais, os establecementos hostaleiros da vila volverán ofrecer troita á montañesa ao longo da xornada, ampliando así a oferta gastronómica arredor do produto que dá nome á feira.








Comentarios