A Xunta salienta en Lalín os apoios autonómicos ao comercio para fortalecer este sector
- Laura Moure

- hace 12 minutos
- 3 Min. de lectura
Destacou tamén a aposta pola profesionalización do sector a través de accións formativas flexibles e de curta duración no ámbito do comercio, así como o impulso dunha imaxe propia para reforzar o posicionamento do comercio local galego
Laura Moure/Lalín
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo onte un encontro coa Asociación de Empresarios do Deza (Aedeza), no que puxo o foco no papel clave do comercio local como xerador de emprego e axente clave no dinamismo económico e social do territorio. A xuntanza —na que tamén estivo presente o alcalde de Lalín, José Crespo—encádrase na rolda de encontros que o responsable autonómico está a impulsar por toda Galicia con empresariado e axentes económicos para presentar as liñas estratéxicas da Consellería para 2026 e coñecer de primeira man os retos, as inquedanzas e tamén as oportunidades que afronta o tecido produtivo e comercial galego.

Neste contexto, González puxo en valor a folla de ruta da Xunta a prol dunha Galicia que forma, retén e suma talento; que aposta polo emprendemento ligado ao territorio; e que entende o comercio local como un piar económico e social esencial. Neste último eido, salientou o traballo que se está a desenvolver ao abeiro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 para afrontar retos como a dixitalización, a competencia das plataformas tecnolóxicas ou a remuda xeracional.
Así mesmo, destacou os apoios autonómicos ao sector comercial para avanzar nestes desafíos, como as liñas orientadas á dixitalización e innovación comercial, á modernización, mellora da imaxe e eficiencia e á sostibilidade ambiental do tecido comercial, ás que este ano se destinan preto de 4 millóns de euros. A estas súmanse as axudas para impulsar o labor de dinamización dos centros comerciais abertos, cunha convocatoria este ano dotada con 2,5 millóns de euros e que pechou onte. Tamén se inclúen as destinadas a dinamizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia e impulsar a súa certificación como mercados excelentes, cun investimento de 2,3 millóns de euros.
Ademais, o conselleiro fixo fincapé na importancia da formación no ámbito do comercio para promover a profesionalización do sector, un eido no que o Goberno galego potenciará accións formativas flexibles e de curta duración. Tamén puxo en valor a imaxe propia que a Xunta impulsou a prol do comercio local.
Publicidade
Pulo ao emprendemento e ao tecido autónomo
En paralelo, José González destacou o esforzo da Xunta por fomentar o emprendemento ligado ao territorio, apoiando tanto novos proxectos como a remuda de negocios que forman parte da identidade das vilas e comarcas galegas, contribuíndo así ao seu desenvolvemento económico e social, como é o caso da comarca do Deza.
Neste sentido, salientou a Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, actualmente en fase de consultas, e o papel da Rede de polos de emprendemento como núcleo desta iniciativa. Ao respecto, puxo en valor o traballo dos tres Polos da provincia de Pontevedra —Silleda, Lalín e Vilagarcía de Arousa— que, en conxunto, xa levan atendido máis de 1.700 proxectos.
PUBLICIDADE
Ademais, destacou o enfoque facilitador e integral das axudas destinadas ao colectivo autónomo, subliñando os preto de 41 millóns de euros da orde unificada, aberta ata o 30 de setembro e estruturada para cubrir todas as fases do emprendemento: desde o inicio da actividade ata a súa consolidación e mantemento, conciliación, remuda xeracional e apoio a quen desexe volver iniciar un proxecto tras unha etapa previa como autónomo.








Comentarios