top of page

A Xunta reabre a metade de albergues da rede pública, 5 no Camiño Francés, e entre estes un en Palas

Alfonso Rueda reuniuse con representantes da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés e destacou a implicación da entidade na promoción desta ruta


Laura Moure/Arzúa/Terra de Melide/A Ulloa

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este martes en Sarria durante unha reunión coa Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, que abriron ese mesmo día a metade de albergues da Rede pública con tódalas medidas de prevención ante a Covid-19, dos que cinco deles se atopan nesta ruta. Trátase dos do Cebreiro, Casa Fonte de Lusío (Samos), Ferreiros (Paradela), o de Portomarín, e Mato Casanova (Palas de Rei).

Así, destacou que debido á maior afluencia de peregrinos facíase necesario incrementar os servizos de acollida que no caso da rede pública ata agora permaneceron pechados para non facer competencia aos albergues privados. O límite de ocupación nas zonas comúns será do 50%, pero nas habitacións redúcese aos 30%, salvo para grupos burbulla acreditados. As camas disporanse cunha distancia mínima de 1,5 metros entre si, aínda que se aconsellan os dous metros sempre que sexa posible. No caso de contar con liteiras, evitarase o uso das contiguas e das superiores. Cada peregrino deberá levar o seu propio saco de durmir e recoméndase permanecer pola noite coa máscara posta.

Alfonso Rueda sinalou que o Camiño está a rexurdir como demostran os datos con máis de 10.700 peregrinos contabilizados desde abril, a metade deles –máis de 5.400- a través do Camiño Francés. Ademais, só na primeira metade deste mes chegaron a Compostela máis de 5.300 camiñantes, dos que 2.500 escolleron esta ruta.

Tamén agradeceu a implicación da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés na divulgación e conservación deste itinerario. Por iso, a Xunta vén colaborando con esta entidade e continuase a executar o convenio bianual 2020-2021, dotado con 1 millón de euros e destinado a actuacións de embelecemento para a promoción do Xacobeo 21-22. Froito desta colaboración, varias propostas da programación do Xacobeo tamén teñen como escenario os concellos que atravesan o Camiño Francés. Por exemplo, Os Camiños das Músicas Galegas. La Duendeneta, para dar a coñecer a música en galego; ou Unha benvida aos peregrinos, para recibir con bandeirolas o próximo mes nos cascos históricos dos concellos que percorren.

O vicepresidente primeiro da Xunta sinalou que o Camiño Francés é a ruta máis transitada ao concentrar a metade dos peregrinos, polo que se está a converter no motor da reactivación do Camiño. Nesta liña, incidiu en que tódalas medidas postas en marcha para contar cun Camiño Seguro coa adaptación dos trazados ou a formación dos hospitaleiros e a activación de protocolos sanitarios por mor da pandemia.

Ademais, incidiu en que Galicia está preparada para recibir a turistas e peregrinos nun destino seguro e de calidade e ofrecerlles o turismo tranquilo e sen masificacións en espazos abertos que están a demandar. E cun plus de tranquilidade a través do seguro coronavirus que xa está activo e cubre os gastos sanitarios e de transporte ou aloxamento derivados dunha infección por Covid-19 ou da prolongación da estancia por cuarentena.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page