top of page

A Xunta publica a lei que prohibe o consumo de bebidas enerxéticas e vapeadores a menores

Entrará en vigor en dous meses e situará Galicia á vangarda na prevención ao equiparar os vapeadores co tabaco e as bebidas enerxéticas co alcohol


Laura Moure/Xeral

A Xunta publicou onte, no Diario Oficial de Galicia de hoxe, a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, que converterá Galicia en pioneira na regulación da venda e consumo de vapeadores e bebidas enerxéticas. Con esta norma, as bebidas enerxéticas quedarán equiparadas ao alcohol e os vapeadores ao tabaco a nivel de restricións e, polo tanto, Galicia vai ser a primeira comunidade de España na que se prohiba a venda e consumo destes produtos a menores de idade.


Desta forma, a Xunta é a primeira Administración en elaborar unha norma que abrangue todos os riscos de comportamento para os menores de idade, incluídos produtos emerxentes. Aborda tanto adiccións con substancias como sen substancia (xogo, tecnoloxías...) e combina a prevención, a promoción da saúde co control da oferta.

As medidas recollidas na Lei fundaméntanse na evidencia científica e en resultados da enquisa nacional Estudes elaborada polo Ministerio de Sanidade entre estudantes de Secundaria.

Segundo os datos do informe de 2025, entre os 14 e os 18 anos o 41,4 % da cativada probou algunha vez os vapeadores. En concreto, o 40,3 % das nenas e o 42,5 % dos nenos. En cambio, o consumo de tabaco é notablemente inferior, cun 29,2 % en nenas e nenos de 14 a 18 anos. No grupo de 14 a 16 anos o consumo, tanto de vapeadores como de tabaco, é lixeiramente maior nas rapazas.


Debido a que os cigarros electrónicos conteñen elementos tóxicos aínda sen ter nicotina, a Lei prohibe a súa venda e consumo a menores. Amplíase, ademais, a prohibición de fumar aos accesos de centros da administración pública, centros educativos e sanitarios, nos que non se permite fumar, nun radio de 50 metros. Para reducir o número de fumadores pasivos, tampouco estará permitido fumar nas marquesiñas de transporte público nin nas piscinas de uso público.


Riscos das bebidas enerxéticas en menores

As bebidas enerxéticas que conteñen 32 mg ou máis de cafeína por cada 100 ml e outros ingredientes estimulantes equivalen aproximadamente a beber tres cafés, o que se considera excesivo para menores. No seu caso, inxestións superiores a 60 mg poden afectar o sono e, a partir de 160 mg, poden xurdir alteracións psicolóxicas e de comportamento, ademais de trastornos cardiovasculares.

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA


Por este motivo Galicia será pioneira a nivel nacional na súa prohibición de venda e consumo por parte de menores, unha medida que tomaron polo de agora países europeos como Polonia ou Letonia.


Para contribuír á concienciación social sobre o contido destas bebidas, os establecementos deberán situalas nun espazo separado con respecto aos refrescos.

O consumo destas bebidas é habitual entre a xuventude mesturado con alcohol, o que incrementa os riscos de coma etílico. Neste sentido, a Consellería de Sanidade establece que os servizos sanitarios solicitarán a presenza das familias do menor que teña que ser atendido por intoxicación provocada polo consumo dalgunha substancia psicoactiva proporcionándolle asesoramento e recursos de axuda preventivos e asistenciais.


No suposto de que sexa atendido por segunda vez, ofrecerase participar nun programa de axuda e recomendarase a participación do adulto responsable. Con respecto ao alcohol, a Lei incide no papel de exemplo cara á infancia que teñen os adultos e non estará permitida a venda en centros docentes, centros de lecer infantil e outros centros de recreo dirixidos a menores ou en recintos destinados a espectáculos públicos durante actividades dirixidas a este tipo de audiencia. Tal e como xa recolle a Lei do Deporte de Galicia, de 2012, non está permitida a introdución, venda e consumo de bebidas alcohólicas nas instalacións onde se desenvolven competicións deportivas.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

En canto á promoción de bebidas alcohólicas, queda prohibida en establecementos onde estea autorizado o consumo no propio local mediante prácticas que inciten ao consumo excesivo ou descontrolado. Tampouco estará permitida a publicidade de bebidas alcohólicas nin enerxéticas na vía pública nunha área de 100 metros de centros docentes e de centros de acollida, de protección e de cumprimento de medidas xudiciais de menores de idade. Ademais, as máquinas expendedoras só poderán ofrecer bebidas alcohólicas cando dispoñan de sistemas que permitan acreditar a maioría de idade.


Centrada na promoción da saúde

A Lei incorpora como novidade a posibilidade de substituír as sancións pola participación en programas preventivos ou asistenciais como, por exemplo, programas de cesación tabáquica ou de concienciación sobre os prexuízos de beber alcohol, fumar ou consumir cánnabis ou, tamén, traballos en beneficio da comunidade, preferentemente relacionados coa conduta infractora.


En liña coas suxestións recibidas por parte de organismos públicos, empresas dos sectores implicados, entidades sen ánimo de lucro e cidadanía, o texto promovido pola Xunta incide na prevención no ámbito familiar, escolar, comunitario e sanitario. En concreto, nos controis do programa de saúde infantil a partir dos 12 anos incorporaranse intervencións preventivas de cribado e intervención do consumo de alcohol, tabaco, cánnabis, bebidas enerxéticas e uso problemático das tecnoloxías dixitais.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

No referente ás competencias das distintas administracións, a Lei define as mesmas competencias para os entes locais que as establecidas na Lei de 2010 de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores e que foi pioneira a nivel estatal cando se permitía beber viño ou cervexa con menos de 18 anos.


Para garantir a coordinación institucional, crearase unha comisión en materia de prevención das adiccións en Galicia que estará integrada por responsables das áreas da Xunta competentes en materia de sanidade, educación, xogo, xuventude e protección da infancia, ademais das administracións locais e entidades sociais que realizan o seu labor no ámbito da prevención das adiccións, cos que se prevé asinar convenios de colaboración. Esta lei entrará en vigor aos dous meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page