top of page

A Xunta prevé incorporar a inicios do verán unha nova ambulancia de soporte avanzado de enfermería en Lalín

Reforzará os recursos sanitarios das máis de 35.000 persoas que viven nos concellos de Agolada, Lalín, Dozón e Rodeiro


Laura Moure/Lalín

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, mantiveron esta mañá unha xuntanza para abordar diferentes asuntos do ámbito sanitario no municipio pontevedrés.  Durante a reunión, o titular de Sanidade trasladou ao rexedor municipal que a comezos do verán se prevé incorporar unha nova ambulancia de soporte avanzando de enfermería no concello, un servizo que dará cobertura á comarca dezá. 


A incorporación deste tipo de ambulancias, actualmente só presente nas cidades da Coruña, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela, permitirá optimizar a prestación asistencial na área. Un recurso que resolve o 96% das súas intervencións dun xeito autónomo, sen necesidade de mobilizar recursos medicalizados. O novo servizo permitirá trasladar aos pacientes durante longos traxectos garantindo o tratamento durante o seu desprazamento sen necesidade de mobilizar un equipo de atención primaria do centro de saúde de referencia.

No encontro de traballo desta mañá, o titular da Consellería de Sanidade e o rexedor lalinense tamén abordaron a próxima posta en funcionamento do Centro Integral de Saúde de Lalín e comarca de Deza, unha infraestrutura que mellorará de xeito significativo as prestacións o primeiro nivel asistencial no municipio e na comarca de Deza e que se poderá poñer en servizo unha vez resolta a acometida eléctrica e a comprobación dos equipos sanitarios.


O Centro Integral de Saúde de Lalín e comarca está distribuído en 4 andares, dos que tres se destinarán ao novo centro de saúde e outro ao Punto de Atención Continuada, PAC. Trátase dun edificio cun deseño funcional, adaptado ás necesidades asistenciais, e que disporá de dous patios interiores a modo de claustro onde desembocan as zonas de espera e de circulación. No seu conxunto o novo centro de saúde disporá de 5.500 m² de superficie construída nunha parcela de máis de 15.000 metros cadrados. Así, prestará atención sanitaria aos máis de 35.000 veciños de Lalín e dos concellos da comarca.


Publicidade

O CIS de Lalín disporá dunha maior dotación de medios diagnósticos e terapéuticos, e permitirá a resolución dos procesos en consulta única, sen derivación a outros centros. Así, contará cunha área específica de telemedicina; ampliará as áreas de atención de adultos, de pediatría e o seu PAC; e mellorará os espazos das Área de especialidades: con catro consultas de medicina, dúas consultas de enfermaría e tres gabinetes de exploracións; da Área de rehabilitación: con dúas consultas de fisioterapia, 6 cabinas, un ximnasio e unha sala de rehabilitación cardíaca; da Área de saúde mental, con cinco consultas; ou da área de Hemodiálise, cunha consulta e 12 postos.


Ademais, a poboación do Deza tamén verá ampliada a súa carteira de servizos, tanto no que atinxe á cirurxía menor ambulatoria;  ao programa de rehabilitación do solo pélvico; ao programa de enfermidades músculo-esqueléticas; ou ao programa de rehabilitación cardíaca; e completando a dotación de servizos do centro os programas de radiodiagnóstico e ecografía; hospitalización a domicilio; e o que será o centro integral de hemodiálise da comarca do Deza.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page