José González pon a localidade dezá como exemplo de dinamización do tecido comercial
Laura Moure/Lalín

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou onte a localidade de Lalín para facer un percorrido polas súas Aldeas de Nadal, unha iniciativa con sete pobos de Nadal e 66 casiñas abertas aos nenos e nenas, pensada para promover as visitas ao municipio e, en definitiva, incentivar o comercio local. Alí, puxo de relevo os escaparates máxicos, un proxecto do Concello que conta coa participación do Centro Comercial Aberto de Lalín e co apoio da Xunta para dinamizar o tecido comercial durante estas datas.
O conselleiro, que estivo acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, destacou que este programa se pon en marcha por vez primeira a través de tres grandes eixos. O primeiro, a posta en valor de catro escaparates baleiros nos que se recrean diferentes escenografías e estampas do Nadal; o segundo, un concurso de escaparates no que participan 31 comercios e cuxo nexo común son unhas casiñas de madeira artesanais elaboradas por Luchi Iglesias; e o terceiro, a aposta pola formación, cun curso gratuíto sobre escaparatismo artístico e sustentable para os establecementos participantes.
Publicidade

Bono Activa Comercio
José González sinalou que se trata tan só dunha mostra do compromiso autonómico co comercio polo miúdo, actividade vital na xeración de riqueza e emprego, na fixación de poboación e na vertebración das vilas e cidades. Un compromiso que se reafirma con outras accións como os Bonos Activa Comercio que se reactivaron esta mesma semana, tamén nas datas previas ao Nadal, cun novo crédito de 2,5 millóns de euros que se esgotou onte, permitindo mobilizar preto de 11,5 millóns de euros en vendas. O conselleiro remarcou que chegaron a adherirse case 7.300 establecementos, con preto de 100.000 bonos de desconto tan só nesta nova andaina.
González puxo en valor iniciativas coma esta á hora de dinamizar o comercio local e fidelizar a clientela, por iso asegurou novas edicións da campaña en 2025, con 5 millóns de euros xa consignados ao efecto nos orzamentos do ano que vén.
O titular de Emprego garantiu así este apoio e outras medidas o ano próximo, no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que se prevé ter listo no primeiro trimestre. O obxectivo —dixo— é poñer á disposición do comercio local todas as ferramentas que precisa para afrontar os retos que ten por diante, así como para garantir a remuda xeracional, tendo en conta que abrangue ata 107.000 postos de traballo.
Publicidade
O representante autonómico citou outras apostas como os recentemente entregados Premios do Comercio Galego, con referentes de boas prácticas e innovación; ou a iniciativa de dinamización comercial Artesanía, saber e sabor de Ribadavia que serviu na pasada ponte de decembro de punto de partida do proxecto Vilas Vivas, que se impulsará o próximo ano co fin de reforzar a dinamización do tecido comercial de vilas e cabeceiras de comarca apostando por espazos efémeros ligados ao territorio.
Comments