top of page

A Xunta pide a colaboración do sector porcino e dos cazadores para actuar na xestión do xabaril

Ángeles Vázquez lembrou tamén a importancia de contar coa colaboración das administracións locais e cidadanía para lograr manter limpas e desbrozadas as zonas periurbanas co fin de evitar que a especie atope nelas refuxio e alimento


Laura Moure/Xeral

A Xunta convocou onte a unha ampla representación do sector porcino e cinexético co fin de abordar a situación actual da xestión do xabaril na Comunidade para garantir unha actuación coordinada desde o punto de vista das súas respectivas competencias.

Con tal fin, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Medio Rural, María José Gomez, acompañadas pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuníronse esta mañá con membros da Federación Galega de Porcino (Fegapor), da Agrupación Defensa Sanitaria de Ganado Porcino, da Asociación Galega de Veterinarios de Porcino (Agavepor) e da Federación Galega de Caza, entre outros.

ree

Durante a xuntanza, Ángeles Vázquez lembrou tamén a importancia de contar coa colaboración das administracións locais e da propia cidadanía para lograr manter limpas e desbrozadas as zonas urbanas e periurbanas, especialmente no caso das contornas das grandes cidades, co fin de evitar que a especie atope nelas refuxio e alimento e medida eficaz para afastala das áreas poboadas.


Neste sentido, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático informou de que tras a última reunión do grupo de traballo para a xestión do xabaril en Galicia (celebrada o 9 de decembro), o seu departamento remitiulle un escrito á Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) para trasladarlle unha serie de recomendacións dirixidas á cidadanía ante a presenza de xabarís en contornas urbanas.


Así mesmo e con relación ás medidas adoptadas directamente pola Xunta, salientou a declaración no mes de outubro da emerxencia cinexética polo xabaril en 38 comarcas e 254 concellos, medida que, tal e como recordou, entrou en vigor en Galicia antes que en ningunha outra comunidade española.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Neste sentido, a responsable autonómica explicou que entre esta e outras decisións adoptadas nos últimos anos con relación ao control cinexético da especie, en Galicia é posible cazar xabarís durante practicamente todo o ano e amosouse disposta a seguir explorando vías e modalidades alternativas ou que se están a aplicar noutras rexións para manter baixo control as súas poboacións na Comunidade.


Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reiterou que, en relación coa Peste Porcina Africana (PPA), a Xunta está ao carón do sector, co que se mantén un contacto permanente para facer un seguimento e unha avaliación continua da situación, algo que se pon de manifesto coas diversas reunións celebradas nos últimos días.

Asemade, Gómez volveu insistir na necesidade de que o Ministerio de Agricultura redobre os esforzos á hora de buscar acordos de rexionalización nas exportacións, co fin de minimizar o impacto económico da doenza, unha enfermidade que -fixo fincapé- segue localizada na provincia de Barcelona.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

A maiores, ambas conselleiras lembraron que a Xunta continúa reclamando ao Goberno Central unha Conferencia Sectorial específica e con participación dos ministerios de Agricultura e para a Transición Ecolóxica, para coordinar as medidas no ámbito nacional.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page