top of page

A Xunta participa na Semana Verde de Galicia con catas e charlas

Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia darán a coñecer unha ferramenta informática para a xestión avanzada de explotacións agrarias, relacionada co caderno dixital recollido na nova PAC


Laura Moure/Silleda

A Xunta terá unha presenza destacada na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia que se celebrará en Silleda entre o 8 e o 11 de xuño. A Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentarán a nova ferramenta informática de xestión de explotacións agrarias Xeaga, relacionada co caderno dixital recollido na nova Política Agrícola Común (PAC).


Trátase dun sistema incluído na Plataforma AGRO 4.0 -iniciativa financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020)- que ofrece tamén outras ferramentas, caso do observatorio de parcelas, e que senta as bases para a súa aplicación noutros eidos como a gandaría, o vitícola ou o desenvolvemento rural.  


Precisamente, o día 9, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presentará xunto co director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, unha xornada na que haberá unha charla sobre a “Xeolocalización como oportunidade de automatización de rexistros”. Así mesmo, presentarase a plataforma dixital AGRO 4.0 e a funcionalidade práctica do novo sistema Xeaga, con exemplos do seu funcionamento. 

Ademais, durante toda a Semana Verde, no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat), a Xunta promocionará os produtos galegos mediante as “Experiencias de calidade”, promovidas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria,  nas que haberá catas de viño das diferentes denominacións de orixe, degustación de queixos con denominación de orixe protexida, produto da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, catas de Mel de Galicia e degustación de Tarta de Santiago con indicación xeográfica protexida, entre outros.

Neste mesmo espazo ocupado pola Consellería do Medio Rural haberá, tamén, un encontro destes expositores con compradores internacionais. Os seguintes días, a feira tamén acollerá diversas presentacións e charlas formativas sobre o desenvolvemento do medio rural e as diferentes razas autóctonas gandeiras.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page