A Xunta ofrece 3.000 cursos online anuais a través da súa plataforma de teleformación corporativa
- Laura Moure

- hace 12 horas
- 2 Min. de lectura
Dá soporte a 18 áreas distintas da Administración autonómica e beneficia a máis 35.500 persoas, entre cidadanía e persoal empregado público
Laura Moure/Xeral

A Xunta de Galicia conta cunha plataforma corporativa de teleformación, xestionada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que dá soporte a 18 áreas formativas, orientadas tanto á cidadanía como ao persoal empregado público. Só no último ano esta canle dixital de aprendizaxe permitiu ofertar arredor de 3.000 cursos dos que se beneficiaron máis de 35.500 persoas, consolidándose como unha das principais ferramentas de capacitación e actualización de coñecementos da Administración autonómica.
A plataforma, denominada PLAFOR, púxose en marcha no ano 2017 e foi experimentando un crecemento progresivo que viviu un punto de inflexión coa pandemia da COVID-19, momento no que a demanda de formación en liña se incrementou de maneira significativa.
Publicidade
Entre 2020 e 2022, o número de persoas usuarias da plataforma pasou das 2.600 ás máis de 27.800, unha cifra que continuou medrando ata superar os 35.5000 usuarios actuais. Tamén o número de cursos creceu exponencialmente tras a pandemia, dos máis de 500 ofrecidos en 2020 pasouse a máis de 1.100 en 2021, e a oferta continuou incrementándose ata rozar os 3.000 nos dous últimos anos.
Na actualidade, a plataforma cobre 18 ámbitos formativos distintos, entre os que se atopan: seguridade pública, emprego, competencias dixitais, consumo, cultura, lingua galega, medio rural, mar, política social, turismo, voluntariado ou xustiza. Esta diversidade permite atender necesidades moi diferentes, adaptando os contidos e os formatos ás características de cada colectivo e sector.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Desde a súa posta en funcionamento, PLAFOR emitiu máis de 32.600 certificacións emitidas de maneira automatizada e máis de 20.600 sesións de videoconferencia, integradas cos sistemas corporativos da Xunta. Estes datos reflicten non só o uso intensivo da plataforma, senón tamén a súa capacidade para dar resposta a procesos formativos complexos, masivos e con garantías de calidade, seguridade e rastrexabilidade.
PLAFOR baséase en software libre (Moodle) e ofrece unha contorna flexible, segura, accesible e personalizable. Permite a integración con sistemas de videoconferencia, a emisión automática de certificados asinados electronicamente, a realización de probas en liña con mecanismos de supervisión e o cumprimento estrito da normativa en materia de accesibilidade, protección de datos e seguridade da información.
Publicidade
O obxectivo é seguir ampliando o uso da plataforma a aqueles departamentos e áreas que o precisen, reforzar o seu carácter transversal como solución común para toda a organización e avanzar cara a unha teleformación máis intelixente.
Entre as liñas de evolución previstas está a incorporación progresiva da intelixencia artificial para mellorar a experiencia de aprendizaxe mediante con recomendacións personalizadas, facilitar o apoio á titorización e a análise avanzada dos procesos formativos, consolidando así a formación dixital como un motor clave da modernización administrativa e da inclusión dixital en Galicia.








Comentarios