top of page

A Xunta licita as obras da primeira fase de mellora da estrada LU-231 entre Friol e Palas de Rei

A actuación suporá unha inversión de tres millóns de euros


Laura Moure/Palas de Rei

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe a primeira fase das obras de mellora da estrada autonómica LU-231, entre Friol e Palas de Rei, que supoñerán un investimento de tres millóns de euros. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a zona de actuación acompañado polos alcaldes de Friol, José Ángel Santos; Palas de Rei, Pablo Taboada, e Begonte, José Ulla. Explicou que a consellería xa traballa no proxecto construtivo da segunda fase, que completará o arranxo da estrada grazas a un investimento global de ao redor de seis millóns de euros.


A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta publica hoxe a licitación da primeira fase das actuacións por importe de 2,6 millóns de euros. Tamén licita o contrato de asistencia técnica á dirección para o control e vixilancia, incluído a coordinación da seguridade e saúde da obra, cun orzamento de 189.400 euros. O investimento elévase ata os preto de tres millóns tendo en conta as expropiacións das leiras necesarias para acometer o acondicionamento da vía.


As empresas interesadas teñen de prazo ata o próximo 5 de abril para presentar as súas ofertas. Esta primeira intervención executarase desde o comezo da vía na travesía de Friol ata o acceso a Castrelo en Palas de Rei. Suman 9,4 quilómetros, practicamente a metade da lonxitude total, que discorren polo concello de Friol salvo os últimos 500 metros. A actuación conta cun prazo de execución de 12 meses.


O proxecto inclúe a ampliación da plataforma e outras melloras como a corrección do trazado nalgúns puntos, suavizando as curvas de menor radio. A sección da estrada ten actualmente un ancho aproximado de cinco metros, polo que os carrís son estreitos e non contan con beiravías. Esta sección ampliarase ata os oito metros, con dous carrís de 3,5 metros de ancho cada un e beiravías de 0,5 metros, salvo na zona con máis edificacións.

Arias visitou a zona xunto a varias persoas, entre elas os tres alcaldes.


Proceso expropiatorio

A Consellería ten en marcha o proceso expropiatorio, e neste momento está a realizarse o traballo de campo para proximamente citar aos propietarios e levar a cabo o levantamento das actas. O decreto de utilidade pública comprende as expropiacións de 222 leiras, cun orzamento duns 175.000 euros. Paralelamente, avanza na segunda fase da intervención e o proxecto construtivo xa está redactado e en fase de supervisión técnica.


A estrada LU-231 ten aproximadamente 18,7 quilómetros e forma parte do eixo vertebrador das comunicacións norte-sur a través das autovías: A A-54 (Lugo-Santiago) na ligazón de Palas de Rei, e a A-6 (Lugo-A Coruña) no de Begonte, nun punto moi próximo tamén á conexión coa Autovía do Cantábrico A-8. O último treito entre Friol e Begonte discorre pola estrada LU- P-1611. Cabe destacar que no marco destas obras tamén se mellorará o cruzamento do punto quilométrico 2+100 entre a LU-231 e esta vía provincial, que no outro sentido conecta con Guntín. Este eixo viario supoñerá a mellora da competitividade para a produción do sector primario e a industria desta contorna da provincia de Lugo.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page