A Xunta licita a xestión do punto de encontro familiar de Deza que estará en funcionamento o 1 de xullo
- Laura Moure

- hace 4 horas
- 2 Min. de lectura
O Diario Oficial de Galicia publicou onte a convocatoria para que as entidades sociais presenten as súas propostas
Laura Moure/Lalín
A Xunta abríu onte o prazo para que as entidades sociais presenten as súas propostas para o procedemento de concerto social da xestión dos tres novos Puntos de Encontro Familiar (PEF) dos concellos de Lalín, Cervo e Verín. O obxectivo, segundo explicou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, nunha visita ó servizo de Deza, é que estean operativos o vindeiro día 1 de xullo.

O director xeral explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) que publicou este mércores, 22 de abril, as bases do procedemento deste concerto social que ascende a 1,4 millóns de euros ata o 2029. Neste sentido, destacou que os PEF son servizos esenciais para garantir o benestar da infancia en situacións de desprotección derivados de procesos xudiciais ou conflitivos.
Os tres recursos que se porán en funcionamento o mes de xullo están localizados nos concellos de Lalín, Cervo e Verín, pero darán servizo a cada unha das comarcas. Deste xeito, tal e como explicou Jacobo Rey, o obxectivo é dotar a estas áreas dun servizo esencial e evitar que as familias teñan que realizar longos desprazamentos. Para a súa posta en marcha, a Xunta de Galicia investiu máis de 700.000 euros en obras de reforma e adecuación dos espazos.
PUBLICIDADE
Os Puntos de Encontro Familiar (PEF) son recursos que preservan a relación entre os menores e as persoas das súas familias en situación de crise. Procuran a seguridade e o benestar dos menores, favorecen os vínculos coas súas familias e facilitan o cumprimento do réxime de visitas. Son un equipamento social, de carácter neutral e especializado para o cumprimento do réxime de visitas establecido pola autoridade competente.
PUBLICIDADE
O obxectivo destes recursos é favorecer a relación entre os menores e as súas familias cando hai unha situación de separación, divorcio, nulidade, tutela ou calquera outro suposto de interrupción da convivencia familiar, así como cando o exercicio do dereito de visitas se vexa interrompido ou o seu cumprimento resulte difícil ou conflitivo. Os puntos de encontro familiar son recursos totalmente de balde para as familias, dado que son financiados exclusivamente pola Xunta de Galicia.








Comentarios