A Xunta inviste máis de 1,7 M€ para a mellora da rede de camiños da parcelaria Val de Camba, en Rodeiro
- Laura Moure

- hace 1 hora
- 2 Min. de lectura
No primeiro trimestre deste ano está previsto o inicio destas obras, sobre as que se actuará en 74 camiños secundarios e principais e se dotará de accesos os novos predios
Laura Moure/Rodeiro
O Consello da Xunta avaliou ontee as actuacións para a mellora da rede de camiños da zona de reestruturación parcelaria de Val de Camba, no concello de Rodeiro, cun investimento por parte da Consellería do Medio Rural de máis de 1,7 millóns de euros.

Está previsto que se inicien estas obras no primeiro trimestre deste ano e están centradas na rede de camiños secundarios, na mellora dos principais e para dotar de accesos os novos predios. Estas actuacións permitirán actuar sobre 36 camiños da rede secundaria, que supoñen algo máis de 4 quilómetros, aos que se lle suman outros 38 da principal, con 22,08 quilómetros.
A maiores, estas obras permitirán mellorar as entradas dos propietarios que así o solicitasen coa formación de ramplas tanto en zonas de desmonte coma de terraplén, incluíndo o despexe e a roza da vexetacións existente, a implantación da parcela, a escavación ou achega material de préstamos. En total, presentáronse 138 solicitudes por parte dos propietarios para estas accións.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Así mesmo, dentro destas actuacións inclúense outras como o movemento de terras necesarios para a execución das obras, o estendido de cordóns de terra nalgunhas leiras e o recheo de corredoiras, entre outras. Este proxecto de mobilización de terra abrangue unha superficie de 1.854 hectáreas, divididas en 7.529 parcelas e 1.869 predios que pertencen a 722 propietarios.
Ata o momento, xa se executou un investimento superior aos 4,4 millóns de euros en gastos de asistencia técnica, así como na creación da rede de camiños principais, na mellora da capacidade portante e resistencia e outras accións complementarias a esa rede.
Publicidade
16,7 millóns de euros no 2026
A Consellería do Medio Rural mantén a súa aposta polas zonas de reestruturación parcelaria para favorecer a ordenación da superficie agraria que permita un uso adaptado ás necesidades agrícolas e forestais de cada zona. Neste sentido, este mesmo ano destinará 16,7 millóns de euros para seguir impulsando este tipo de proxectos, o que supón case 4 millóns máis que en 2025. Ademais, estase a traballar en axilizar os trámites das concentracións parcelarias que están na fase final de execución, co fin de que os seus propietarios poidan conseguir unha maior rendibilidade da produción agraria e unha mellor ordenación da terra en función dos usos.
Publicidade
Cómpre lembrar tamén que desde o ano 2020 se remataron un total de 37 concentracións parcelarias, catro delas no ano pasado, que abarcan unha superficie total de máis de 25.800 hectáreas, beneficiando algo máis de 19.800 propietarios. Desde 2021 decretáronse 30 novas parcelarias en Galicia, que abranguen algo máis de 25.500 hectáreas, preto de 113.800 parcelas de case 16.500 titulares.








Comentarios