top of page

A Xunta inicia o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural o campamento romano de Ciadella

22 jun
2 min de lectura

Isto suporá a protección inmediata deste ben localizado no concello de Sobrado, na provincia da Coruña


Laura Moure/Sobrado

O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 19 de xuño o expediente de incoación para declarar Ben de Interese Cultural o campamento romano de Ciadella. Este procedemento supón a aplicación provisional do réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, provisional ata a súa aprobación definitiva, nun prazo máximo de dous anos, e, polo tanto, a máxima protección inmediata destes terreos localizadas no concello de Sobrado.

O expediente elaborado polos técnicos recoñece que o conxunto constitúe un ben sobranceiro galego da época romana, que merece ser declarado Ben de Interese Cultural polo seu valor científico e patrimonial, dada a súa excepcionalidade e singularidade ao tratarse dun dos dous únicos campamentos militares romanos, de carácter permanente, que se conservan en Galicia.


Deste xeito, o emprazamento constitúese coma un xacemento básico para a investigación do proceso de romanización do noroeste peninsular e do exército nesta época, ademais de contar cun gran potencial no eido da investigación e da formación académica, dada a ampla superficie aínda sen escavar e investigar.


Por outra banda, o campamento destaca polo seu estado de conservación e pola súa apertura ao público, dispoñendo dunha ampla superficie estudada e restaurada para a súa visita, cun acceso sinxelo. Ademais conta cunha serie de recursos interpretativos para facilitar a súa comprensión, como paneis informativos, códigos QR situados en distintos puntos con vídeos temáticos e unha pequena aula de interpretación situada na antiga caseta-almacén do xacemento.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O inicio do expediente para declarar Ben de Interese Cultural o campamento romano de Cidadella reflicte o importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio senlleiro da nosa Comunidade. Así o demostran os 125 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, acadando Galicia un total de 797 na actualidade.


Función de control, vixilancia e foco da romanización

A situación estratéxica do campamento ocasionaba que a súa función principal fose a de controlar un extenso territorio que posuía importantes recursos naturais e minerais, entre os que destacaban os recursos auríferos. Tamén desde el, Roma exercía a vixilancia do comercio e da rede viaria que comunicaba Flavium Brigantium, a actual cidade da Coruña, con Lucus Augusti, na actualidade Lugo, ademais de ser un importante foco difusor da romanización por todo o noroeste peninsular. Estes terreos foron a base da Cohors Prima Celtiberorum, unidade militar romana que dependía da única lexión establecida no noroeste de Hispania.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

As primeiras exploracións e achados neste territorio datan de finais do século XIX, aínda que será posteriormente, na década dos 80 e 90 do século XX, cando as campañas realizadas o convertan nun referente da arqueoloxía galega e peninsular. Os traballos levados a cabo permitiron a recuperación de gran cantidade de materiais que aportan unha ampla información sobre a evolución histórica-cronolóxica deste xacemento. Neste senso, destaca a aparición no ano 1929 dunha estatuíña de bronce que se considera que representa á deusa Minerva e que hoxe se conserva no Museo de Belas Artes da Coruña.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page