top of page

A Xunta incorpora novos centros aos programas Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Lectura e familias

8 ene 2024
2 min de lectura

Entre eles figuran o CEIP de Arzúa, o CPI Plurilingüe de Fonte Díaz de Touro e o CEIP Ramón de Valenzuela de Silleda


Laura Moure/Xeral

A Xunta de Galicia vén de publicar as resolucións definitivas dos programas Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Lectura e Familias para este curso 2023/24, a través das que se incorporan novos centros e se dá continuidade á participación dos xa integrados. Así mesmo, o Portal Educativo publicou xa a convocatoria de Bibliotecas Escolares Solidarias, a iniciativa que busca estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre o alumnado dos niveis non universitarios e as súas familias.


Todos estes programas enmárcanse no Plan LIA 2021-2025 (Lectura, Información e Aprendizaxe), pola que se guían todas as actuacións en materia de bibliotecas escolares

nos centros de ensino non universitarios de Galicia.

 

Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

Case 200 centros con laboratorio de radio

O programa Radio na Biblio chega este curso a 196 centros de ensino, que contan todos eles cun laboratorio de radio no que traballan as competencias informacionais e mediáticas do alumnado. A resolución publicada no Portal Educativo establece a continuidade de 166 centros no programa e a incorporación dos seguintes 30 colexios e institutos. Das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa non figuran ningún.


Iniciación no pensamento computacional

Un total de 170 colexios desenvolven este curso o programa Biblioteca Creativa, 145 de continuidade e 25 de nova incorporación, tal e como recolle a resolución. O obxectivo da iniciativa é estimular a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través de actividades manipulativas e outras, programadas desde a biblioteca escolar. Entre os centros de nova incorporación das comarcas figura o CEIP de Arzúa.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

Lectura e familias

O programa Lectura e familias estimula o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar. O obxectivo é que nais e pais se impliquen en experiencias de lectura ou de traballo coa información e medios de comunicación, coa finalidade de que poidan intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos como persoas lectoras e usuarias de información.

Tal e como establece a resolución definitiva, son 90 os centros que continúan no programa, aos que se suman os 25 que se incorporan a el por primeira vez. E entre os das comarcas figura o CPI Plurilingüe de Fonte Díaz de Touro e o CEIP Ramón de Valenzuela de Silleda.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Ata o 13 de xaneiro

Os centros interesados en sumarse a Bibliotecas Escolares Solidarias poderán solicitalo ata o 13 de xaneiro. O programa contempla o desenvolvemento de actividades de voluntariado nas etapas de Primaria e Secundaria e outras ensinanzas, e a posibilidade de optar a unha distinción a través do Selo Biblioteca Escolar Solidaria.


O obxectivo é recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares inclusivas, que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento e ao uso dos recursos culturais e de aprendizaxe. A iniciativa intégrase, ademais, como iniciativa de voluntariado nos programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page