top of page

A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética dos vestiarios da piscina de Toques con case 60.000€

A delegada da Xunta visitou o Concello para coñecer as accións aprobadas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local


Laura Moure/Toques

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou onte o concello de Toques para coñecer as actuacións aprobadas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local que conta cun apoio de 60.000 euros para levar a cabo a renovación da iluminación dos vestiarios da súa piscina municipal. Concretamente, esta axuda permítelle ao Concello subsanar as deficiencias e mellorar a eficiencia enerxética da instalación deportiva. As actuacións son  a desmontaxe da cuberta e o falso teito, a substitución da cuberta plana con grava, tipo invertida con maior impermeabilización e illamento, a substitución das celosías de madeiras por outras de aluminio orientables para así dificultar a entrada de auga de chuvia e a renovación da carpintaría por unha con rotura de ponte térmico e vidro dobre de seguridade. Ademais, instalarase un falso teito illado de 40mm de espesor e renovaranse as pranchas de revestimento en malas condicións.

ree

Esta intervención, aclarou Belén do Campo, ten por obxectivo a mellora da eficiencia enerxética da instalación, a  diminución do consumo eléctrico  e a redución dos custos de mantemento.


A delegada incidiu na importancia da colaboración entre o Goberno galego e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza. Nesta liña, sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos municipios máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario resultaríalles máis complicado ou non serían posibles.


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Fondo de Cooperación Local 2025

A delegada da Xunta lembrou que o Goberno galego  mantén actualmente un compromiso firme coas entidades locais de menor poboación como demostra, por exemplo que se destinan cinco millóns de euros ao fondo adicional do Fondo de Cooperación Local a actuacións de eficiencia enerxética en edificios de titularidade municipal, con prioridade para instalacións deportivas, educativas, sociais, sanitarias ou culturais de municipios de menos de 15.000 veciños, que permitiu esta actuación en  Toques. Neste senso, a delegada lembrou que xa se resolveu a convocatoria deste exercicio, con 89 entidades beneficiarias en Galicia, das cales 24 son da provincia da Coruña con un importe de case 1,4 millóns de euros.


As achegas poden ascender ata os 60.000 euros por concello, sen que a contía poida exceder o custo da actuación, que debe ser dunha única fase e supoñer a posta en servizo inmediata do proxecto. 


PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Belén do Campo sinalou que o obxectivo desta medida é facilitarlles ás administracións locais a renovación de edificios e instalacións municipais para facilitar o aforro enerxético e económico, contribuír á mellora ambiental e garantir o confort tanto do persoal como das persoas usuarias.


Así, nos criterios de valoración tense en conta o tipo de investimento, con maior puntuación para a substitución de caldeiras baseadas en combustibles fósiles por outras alimentadas por enerxías renovables ou reformas de cubertas a prol da eficiencia enerxética en infraestruturas de uso deportivo. A maiores tense en conta as melloras da envolvente térmica, na instalación eléctrica ou na iluminación, entre outras, así como a necesidade específica das actuacións previstas.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page