top of page

A Xunta impulsa a formación e a divulgación dos oficios no Corazón da Artesanía de Agolada

Fundación Artesanía de Galicia convoca sete cursos centrados na estampaxe manual, na pasamanería, no coiro, na decoración de olería, na elaboración dun tapiz con redes de pesca e no debuxo


Laura Moure/Agolada

A Xunta abre o prazo de inscrición para os sete cursos de formación especializada que está previsto realizar no marco do proxecto Corazón da Artesanía, que se vai celebrar os días 4,5 e 6 de xullo nos Pendellos de Agolada (Pontevedra). A través da Fundación Artesanía de Galicia organízanse cursos centrados na estampaxe manual, na pasamanería, no coiro, na decoración de olería, na elaboración dun tapiz con redes de pesca e no debuxo. Para todos eles é precisa a inscrición previa e as solicitudes xa se poden realizar a través da páxina web da Fundación Artesanía de Galicia.


Na edición deste ano destaca un curso de Deseño e elaboración de útiles para a mesa, a cargo de Santiago Besteiro, veciño de Monterroso gañador do Premio Emprendemento nos Premios Nacionais de Artesanía 2022; no que se aprenderán a crear diferentes utensilios con materiais coma o coiro, a madeira e o esparto. Outra das novidades deste ano será o obradoiro Proxecto Bolina. Tecendo pasado e futuro, que estará impartido pola deseñadora Amalia Puga (A Guarda). Trátase dun obradoiro para descubrir a arte da confección de redes dende unha mirada creativa e contemporánea.

A técnica do bordado ao aire é outra das incorporacións desta edición a través dun obradoiro de Iniciación á pasamanería impartido por Rafael González (Ponteareas), no que se amosarán as técnicas fundamentais empregadas tradicionalmente como adorno téxtil para decorar traxes tradicionais, prendas de vestir, accesorios ou artigos de decoración.

Tras a boa acollida dos cursos de olería tradicional de Buño da edición pasada, este ano adícase tamén un dos cursos de formación ao Debuxo decorativo de pratos tradicionais de Buño, impartido por Luz Díaz, do obradoiro Alfarería Rulo (Buño, Malpica de Bergantiños). Neste curso atenderase a un grupo diferente de participantes cada un dos tres días.


A artesá Natalia Moreno (Baiona) será a encargada de impartir o obradoiro Crea e estampa a túa pantalla de lámpada na que se empregará un tecido estampado á man polos propios participantes a través da técnica do sombreado ou con degradados sobre téxtil.


Mónica Cao, de Mocao Artesanía (Oleiros), dirixirá un obradoiro de Iniciación á marroquinería, no que darán a coñecer as principais técnicas no traballo  con coiro e coñecementos básicos sobre as ferramentas precisas e os tipos de pel que se poden traballar no oficio. Haberá tamén un grupo de participantes diferentes cada día.


Durante toda a fin de semana desenvolverase tamén o Diario gráfico Corazón da Artesanía: Urban sketching. Caderno en movemento: un acordeón de cores, dirixido pola ilustradora Catalina Rodríguez (Lugo). Neste obradoiro, co caderno en acordeón como fío condutor, traballarase a figuración en movemento de diferentes escenas recreando artesáns, pezas, compradores e a propia arquitectura dos pendellos que enmarca o Corazón a Artesanía. O domingo pola mañá celebrarase un concurso entre os traballos elaborados e seleccionaranse dous gañadores. O primeiro premio estará dotado con 300€ e o segundo cun lote de produtos de Artesanía de Galicia.


Obradoiros abertos ao público adulto e infantil

Un ano máis, o Corazón da Artesanía funcionará tamén como un espazo de divulgación e de achegamento dos oficios artesanais a todo tipo de públicos a través de seis obradoiros abertos e gratuítos para os que non é preciso inscrición e que se celebrarán de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.


Unha das novidades do programa será o curso de Iniciación á forxa que impartirá Jorge Eiroa (Culleredo), no que se lle ofrecerá aos participantes un primeiro contacto coa forxa a través da elaboración dunha pequena peza sinxela. Cristina Velasco, de Anaquiños de Papel (A Coruña) impartirá o obradoiro Cando florece o pendello no que os participantes elaborarán grilandas de papel inspiradas na natureza e na iconografía galega, parte das cales ficarán para decorar o pendello.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Minia Banet, de Variopinto (Santiago) ofrecerá un obradoiro de Bordado sobre fotografía, no que empregarán diferentes puntos para engadirlle cor e textura ás fotografías dos pendellos de Agolada.


Como xa é habitual, haberá un obradoiro de Elaboración de Sanandresiños, a cargo de Jorge Bellón, que amosará como realizar as tradicionais figuras de Santo André de Teixido con miga de pan; así como un obradoiro de Iniciación ao torno cerámico e á elaboración de pezas de cerámica na mesa, que estará impartido polos ceramistas Carlos San Claudio (Vigo) e Nerea Carpente - de Peixe Nero - (Covelo) así como por representantes da Asociación Galega da Cerámica e doutras Artesanías (Gondomar). Ademais, os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo), ofrecerán un obradoiro de Tecido colectivo de tapices nun gran bastidor cúbico.





Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page