top of page

A Xunta licita as obras de restauración da igrexa de San Pedro en Melide por máis de 600.000 €

O proxecto responde á necesidade de resolver distintas patoloxías como a entrada de auga por diversos puntos do edificio ou os problemas de estabilidade dos muros


Laura Moure/Melide

A Xunta de Galicia acaba de licitar por máis de 600.000€ as obras de restauración da igrexa de San Pedro, en Melide, destinadas a solventar diversas patoloxías que provocan o deterioro deste ben protexido, como é a entrada de auga polas fachadas, a cuberta e as fiestras, e os problemas de estabilidade dos muros. 

Así, a actuación centrarase en substituír o antigo sistema de atirantado de ferro do templo, deteriorado pola corrosión, por outro novo de aceiro inoxidable, ademais de cambiar o material da cuberta e arranxar os encontros cos elementos verticais. Por outra banda, afianzarase a seguridade das fábricas e dotarase de estanquidade aos muros e á torre mediante morteiros de cal tradicional.


A intervención contempla tamén a restauración e substitución dos elementos da carpintería exterior danados ou inexistentes, a rehabilitación das bóvedas, en particular a do presbiterio, e das revocaduras do interior da nave.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Deste xeito, a realización da obra, cunha duración prevista de cinco meses, responde ao compromiso do Goberno galego coa protección e conservación dos bens patrimoniais, especialmente co fin de garantir o mellor estado daqueles monumentos que se atopan nas rutas xacobeas, como é o caso de igrexa de San Pedro, localizada ao abeiro do Camiño Francés. 


Este proxecto encádrase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa Diocese de Lugo para acometer distintas actuacións de conservación e restauración de inmobles eclesiásticos, e que conta coa financiación do 60% do Programa Galicia Feder 2021-2027.






Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page