A Xunta impartirá en Lalín o 11 de marzo unha charla informativa sobre a dermatose nodular contaxiosa
- Laura Moure

- hace 52 minutos
- 3 Min. de lectura
O obxectivo de concienciar aos gandeiros nas implicacións desta enfermidade e lembrar as medidas de bioseguridade preventivas establecidas polo Goberno autonómico
Laura Moure/Lalín
A Consellería do Medio Rural vai organizar charlas informativas sobre a dermatose nodular contaxiosa (DNC) nas catro provincias, co obxectivo de concienciar aos gandeiros nas implicacións desta enfermidade e lembrar as medidas de bioseguridade preventivas establecidas polo Goberno autonómico para protexer á cabana bovina galega ante esta doenza. Explicaranse as características desta enfermidade e as medidas establecidas na normativa comunitaria no caso da súa aparición; así como as condicións sinaladas actualmente para a vacinación.

A primeira destas xornadas celebrarase na provincia da Coruña o vindeiro luns, 9 de
marzo, ás 10:30 horas no auditorio Carmen Regueira (Casa da Cultura) do concello de
Ordes. A segunda será o martes, día 10, ás 11:00 horas no salón de actos da Delegación
da Xunta en Lugo.
O Salón Teatro de Lalín acollerá o mércores, día 11, ás 11:00 horas, a xornada organizada
para a provincia de Pontevedra; e a de Ourense terá lugar no salón de actos da Delegación da Xunta na cidade o xoves, día 12, ás 10:30 horas. Todas as xuntanzas son
de entrada libre, polo que non é necesario inscribirse de xeito previo.
Medidas tomadas en Galicia
Nestes encontros incidirase tamén nas medidas preventivas que seguen vixentes en
Galicia ata o vindeiro 31 de marzo, podéndose ampliar este prazo en función da evolución
epidemiolóxica da doenza. Así, están permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e
concentracións de gando con finalidade comercial, pero só poderán asistir animais
procedentes de explotacións galegas. Con todo, os vehículos que veñan de fóra da
comunidade deberán acceder ás instalacións baleiros, limpos, desinfectados e
desinsectados.
Publicidade
En relación coa celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións,
continúa sendo precisa a autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, no seu caso tamén con
asistencia só de animais de explotacións galegas.
Mantense a vixencia do período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os
bovinos procedentes de fóra da comunidade -con destino a vida-, dende a data da súa
incorporación á explotación de destino na nosa comunidade. Todos os animais das
granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do
estranxeiro quedarán inmobilizados durante o mesmo período de tempo. Unha
inmobilización que afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos
novos animais.
Ao mesmo tempo, continúa sendo obrigatorio desinsectar os bovinos presentes na
explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte
de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para
sacrificio, e, neste último caso, manténdose a posibilidade da súa entrada sempre que
sexan trasladados directamente a matadoiro.
PUBLICIDADE
Peticións ao Ministerio de Agricultura
Por parte da Consellería do Medio segue a emitirse unha mensaxe de tranquilidade, tanto
para o sector como para a cidadanía en xeral, xa que non hai constancia de ningún caso
desta enfermidade en Galicia e, cómpre lembrar, trátase dunha enfermidade que non se
transmite ás persoas.
Con todo, segue a demandarse ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación máis
implicación por parte deste departamento, así como unha estratexia clara de coordinación
entre todas as comunidades autónomas para o control eficaz desta enfermidade, co fin de
implementar medidas homoxéneas que dean certezas e seguridade ao sector gandeiro,
especialmente no caso de ter que poñer en marcha indemnizacións.
Reclámase tamén ao Goberno central que lidere de forma xurídica e económica, no marco
da Unión Europea, o desenvolvemento dunha vacina marcada que poida administrarse de
xeito preventivo, para así reducir o risco de aparición desta enfermidade nas explotacións
de gando vacún. Solicítase tamén unha modificación na normativa comunitaria da
categoría da enfermidade, actualmente cualificada como A- a máis grave das existentes,
tendo en consideración que non é zoonótica. Ambos asuntos foron tamén trasladados ao
comisario europeo de Agricultura e Alimentación no marco da reunión mantida este martes
polo presidente da Xunta en Bruxelas.








Comentarios