top of page

A Xunta garante a seguridade nos albergues da rede pública e recálcao nunha visita ao de Bendoiro

O xerente de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, explicou hoxe en Lalín o protocolo coas medidas anticovid para un uso seguro destas instalacións


Laura Moure/Lalín

O protocolo de medidas de prevención ante a Covid-19 para o uso dos albergues garante aos peregrinos un Camiño Seguro, como destacou hoxe no de Bendoiro de Lalín o xerente de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia. Entre as medidas que deben cumprir a metade dos albergues da Rede Pública que reabriron este martes con tódalas garantías de seguridade inclúese o límite de ocupación ao 50% nas zonas comúns, que se reduce ao 30% nas habitacións, salvo para as persoas que declaren por escrito formar parte dun grupo burbulla para compartir cuarto.

Emilio de la Iglesia, en Lalín, co concelleiro do municipio Avelino Souto.


Ademais, as camas están dispostas cunha distancia mínima de 1,5 metros e nas liteiras evítase o uso das contiguas e as superiores, mentres que os peregrinos deberán levar o seu propio saco de durmir e aconselláselles que empreguen a máscara pola noite. A Xunta dá resposta así o aumento da afluencia de peregrinos nas últimas semanas con máis de 300 ao día, un dato que se incrementa de xeito notable nas fins de semanas. A medida que se relaxaban as restricións de mobilidade e se flexibilizaban as restricións sanitarias ante a Covid-19 comezou a incrementarse a afluencia de peregrinos con máis de 11.300 desde abril. Se no primeiro trimestre apenas chegaron 268 persoas, no mes de abril triplicouse a cifra ata 1.000, en maio cuadriplicouse ata superar os 4.000 e só na primeira metade de xuño rexistráronse máis de 6.000.


Por iso, ante a previsión de repunte nos próximos meses coincidindo co verán, a época do ano con maior chegada de peregrinos de xeito tradicional, facíase necesario comezar a abrir os albergues públicos que ata agora permanecían pechados para non facer competencia aos privados. Deste xeito, a Xunta comezou abrindo os albergues das rutas que teñen menor oferta de aloxamentos privados coa apertura da metade de establecementos da rede pública, e coa previsión da apertura dos demais o 1 de xullo, incluído o do Monte do Gozo de Santiago de Compostela.


A reactivación do Camiño nas últimas semanas constata que turistas e peregrinos perciben a Galicia como un destino seguro e cun Camiño Seguro. Nesa liña, a Xunta apoia desde o inicio da pandemia ao sector turístico, entre eles aos albergues, coa formación de 300 hospitaleiros sobre as medidas de prevención ante a covid-19, na elaboración de guías cos protocolos a seguir e con apoio tamén aos albergues privados para adaptar as instalacións ás normas sanitarias.


Co obxectivo de ofrecer un plus de tranquilidade tanto a turistas como peregrinos, a Xunta xa ten activo tamén o seguro coronavirus co que cubrir os gastos derivados dunha infección por Covid-19 ou da prolongación da estancia por corentena obrigada.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page