A Xunta financiará con 150.000 euros a fase final do novo edificio polivalente de Rodeiro
- Laura Moure
- hace 10 minutos
- 2 min de lectura
Acollerá o futuro centro de día e o punto de atención infantil
Laura Moure/Rodeiro
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinou este luns co alcalde en funcións de Rodeiro, Alberte Lamazares, un convenio de colaboración polo que a Xunta achegará 150.000 euros ao Concello para financiar a cuarta fase da construción dun novo edificio polivalente que terá uso asistencial. Este inmoble acollerá un centro de día para persoas maiores e o Punto de Atención Infantil (PAI) de Rodeiro. Tamén asistiou a concelleira de Servizos Sociais, Begoña Vázquez.

Esta nova achega, comprometida polo Presidente da Xunta na súa reunión co rexedor, súmase ao financiamento xa aportado polo Goberno galego ás tres primeiras fases, que sumou outros 200.000 euros. Polo que, en total, o investimento da Xunta neste novo centro de carácter interxeracional elevase xa aos 350.000 euros.
Este acordo supón un paso moi importante para o desenvolvemento dun proxecto estratéxico para o municipio, que permitirá ampliar e mellorar os servizos asistenciais e de atención á infancia, respondendo ás necesidades actuais da veciñanza.
Tras a sinatura, a conselleira de Política Social e Igualdade puxo en valor a importancia que terá para Rodeiro este novo centro, no que tamén colabora a Deputación de Pontevedra e que servirá para favorecer o apoio ás familias e reforzar a conciliación da vida laboral e familiar dos veciños deste concello.
PUBLICIDADE
Desde o Goberno municipal destacan a relevancia desta sinatura, xa que na última década foron moi poucos os convenios deste tipo asinados entre a Xunta de Galicia e o Concello de Rodeiro. Ademais, no caso concreto deste edificio, trátase do segundo convenio de colaboración acadado para facer realidade esta infraestrutura.
O Executivo local considera que este novo apoio institucional é unha mostra do traballo que se está a desenvolver desde a administración municipal para impulsar proxectos de gran importancia para o futuro do concello e para mellorar a calidade de vida da cidadanía.
PUBLICIDADE
Así mesmo, o Concello continúa traballando na procura do financiamento necesario para completar o investimento previsto e está á espera de que a Xunta de Galicia resolva favorablemente outra solicitude de axudas presentada, coa que se pretende cubrir a contía restante da actuación.




