top of page

A Xunta entrega en Lalín 18 novas motobombas para o persoal de loita contra os incendios forestais

Distribuiranse entre 15 distritos forestais das catro provincias e realizaranse 36 cursos teórico-prácticos para bombeiros forestais condutores que manexarán estes vehículos


Laura Moure/Lalín

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Vázquez, e o alcalde de Lalín, José Crespo, entregou este martes na nave de Botos desta localidade 18 novas motobombas para o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. Nesta actuación investíronse preto de 5 millóns de euros.


No acto, a conselleira destacou o compromiso do Goberno galego por seguir mellorando e ampliando a dotación de medios do persoal da Consellería do Medio Rural co fin último de potenciar o servizo que se lle brinda a toda a poboación galega en materia de loita contra os incendios forestais.

Estes vehículos que se entregaron distribuiranse entre 15 distritos forestais das catro provincias, concretamente nos de Ferrol, Santiago Meseta-Interior, Barbanza, Fisterra, A Mariña, Fonsagrada-Os Ancares, Lugo-Sarria, Terra Chá, Valdeorras-Trives, Verín-Viana, A Limia, Deza-Tabeirós, O Condado-A Paradanta, Vigo-Baixo Miño e Caldas-O Salnés.


Esta renovación, que contou con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, vai contribuír, segundo sinalou a conselleira, a “reducir os danos que ocasionan os incendios forestais ao mesmo tempo que se garante unha mellora na seguridade do persoal”. Nesta liña, realizaranse 36 cursos teórico-prácticos nos distritos forestais aos que se asignaron estas motobombas, que estarán destinados aos bombeiros forestais condutores que manexarán estes vehículos.


Publicidade

Loita contra os lumes

María José Gómez aproveitou a ocasión para poñen en valor o Plan de prevención de incendios forestais aprobado polo Consello da Xunta no pasado mes de abril, co que se prevé actuar en máis de 60.000 hectáreas, das que unhas 5.000 serán xestionadas a través da gandaría en extensivo, e para o que se destinan 41,1 millóns de euros, un 6 % máis con respecto ao do ano anterior.


Ademais, tamén salientou a ampliación gradual dos períodos de contratación dos 6 ata os 9 meses do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, da que se benefician un milleiro de traballadores que xa se incorporaron ao dispositivo por 7 meses. O obxectivo é que no 2026, os 3.000 profesionais do servizo traballen, como mínimo 9 meses, aínda que cómpre salientar que 2.000 deles xa o están facendo agora ao longo de todo o ano.


Publicidade

Compromiso con Lalín

O Goberno autonómico ten en marcha actualmente diferentes iniciativas de colaboración co concello de Lalín. Neste sentido, destaca a construción dunha nova base de helicópteros nesta localidade, situada en terreos cedidos polo concello, e que conta cun orzamento de execución de 4,23 millóns de euros.


Por outra banda,  estanse a completar os labores de formigonado da estrutura do novo edificio de servizos integrados de Lalín. O orzamento total para levar a cabo este proxecto rolda os 3,9 millóns de euros e prevese que estea finalizado no verán de 2025. A edificación terá mais de 2.100 metros cadrados, co obxectivo principal de acoller os servizos básicos para a poboación rural da contorna desta localidade. Estas instalacións serán sede tamén doutras dependencias da Xunta, entre eles o servizo de Rexistro público e outro da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page