top of page

A Xunta eleva a máis de 3,5 M€ o orzamento para ampliar o instituto Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín

O conselleiro de Educación presenta o proxecto desta obra, que o seu departamento licitará a finais do mes de xuño


Laura Moure/Lalín

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou este sábado o proxecto de ampliación do IES Ramón Mª Aller Ulloa, en Lalín, unha obra cuxo orzamento vén de elevarse a máis de 3,5 M€. “Inicialmente o investimento previsto era de 2,5 M€, pero foise incrementando ao analizar as necesidades do centro”, explicou.

A obra, que ten un prazo de execución de 12 meses, licitarase a finais do mes de xuño. O obxectivo da actuación é construír un novo edificio de 2.164 m² destinado a espazos para os ciclos da familia profesional de Informática e comunicacións, na que se centra a oferta do centro. O novo volume será de estrutura de formigón, con acabado exterior en sistema de illamento térmico SATE e cuberta inclinada de panel sándwich. Situarase na zona sur da parcela e irá conectado ao edificio actual.


Contará con tres plantas e estará dotado de aulas, talleres, laboratorio, un espazo de foro e diversos locais técnicos. Tamén se creará nel un Polo Creativo, que dará servizo a todo o alumnado do institutos. A maiores, realizaranse intervencións puntuais nas edificacións existentes, como a apertura de xanelas e o acondicionamento dun almacén, entre outras.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Preto de 6,7 M€ en obras

“A ampliación do IES Ramón Mª Aller Ulloa eleva a preto de 6,7 M€ o investimento do Goberno galego en melloras nos centros educativos de Lalín ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica”, salientou o conselleiro.


Neste sentido, lembrou que xa están rematadas actuacións como a central de biomasa do Colexio CEIP Xesús Golmar (1,1 M€), a rehabilitación integral do CEIP Xoaquín Loriga (661.000 €), a renovación de cuberta e fiestras do CEIP Plurilingüe Vicente Arias de la Maza (538.000 €) e do CEIP Plurilingüe Varela Buxán (356.000 €) e os cambios de luminarias nos institutos Ramón Mª Aller Ulloa (113.000 €) e Laxeiro (51.000 €). Ademais, están en licitación as obras de reforma da instalación contra incendios do IES Laxeiro 141.000 €.






Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page