top of page

A Xunta e os 9 destinos Starlight, entre eles Lalín, traballan para poñer en valor a eclipse solar de agosto

O fenómeno astronómico preséntase como unha oportunidade única para captar visitantes ao longo de toda a xeografía galega


Laura Moure/Lalín

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo unha reunión de traballo este xoves con representantes dos destinos Starlight co fin de coordinar a promoción turística da eclipse que terá lugar o vindeiro mes de agosto e tamén analizar as previsións en canto a visitas destas áreas na data de observación do fenómeno natural, extraordinariamente infrecuente que converterá a comunidade nun dos mellores lugares do mundo para a súa visualización. O fenómeno astronómico poderase ver de modo total en seis dos nove destinos Starlight e nos outros tres contemplarase de forma parcial.


Na reunión participaron responsables dos destinos Starlight de Chantada; da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e montes de Navia, Cervantes e Becerreá, de Lalín; da Costa da Morte; da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas; de Muras; do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, e de Trevinca Valdeorras.

Lalín é berce da historia astronómica de Galicia, xa que entre os seus Fillos Ilustres está o grande astrónomo Ramón Mª Aller que puxo en marcha o Observatorio de Lalín (recuperado en 2011), base para fundar o Observatorio da USC. Escolleuse como punto de observación un vértice xeodésico na parroquia de Maceira situado a 743 m de altitude desde o que se domina unha panorámica de 360º, sendo de día un magnífico miradoiro desde o que se ven os principais cumios da comarca de Deza e a súa contorna: o Farelo, a serra do Faro, o Candán, o Carrio e incluso o Pico Sacro cara a Compostela. Por outra banda, de noite é un lugar privilexiado desde onde se pode contemplar o ceo en todo o seu esplendor incluíndo unha perfecta vista da Vía Láctea. Ademais deste lugar, suxírense outros dous puntos de observación, un deles nun outeiro sito en Albarellos e outro moi preto da Fraga de Catasós


Durante o encontro, no que estivo acompañado pola directora de Promoción, Carmen Pita, Xosé Merelles puxo a disposición destes responsables o espazo web da eclipse que se pode consultar na web www.turismo.gal, no que se recompila información turística vinculada á eclipse, incluíndo os concellos situados na franxa de totalidade animádoos a enriquecela e sumar todos aqueles aspectos que consideren de interese. “A plataforma -dixo- conta cun mapa interactivo que permite consultar, punto por punto, a hora de inicio, duración e tipo de eclipse —total ou parcial— en cada localización”.  Segundo explicou, “este espazo irá incorporando nova información de interese a medida que se achegue a data”.


Paralelamente, o director de Turismo de Galicia tamén sinalou a participación deste departamento en feiras e eventos profesionais nos que participa, “co obxectivo de posicionar a Comunidade como porta de entrada ao gran eclipse total de 2026”.


Oportunidade única

Do mesmo xeito, Xosé Merelles comprometeu o traballo da Xunta de Galicia para “dec maneira coordinada, aproveitar esta oportunidade única desde o punto de vista turístico, científico e de proxección internacional, garantindo ao mesmo tempo a seguridade e a correcta organización dun acontecemento que espertará unha notable afluencia de visitantes”.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Neste sentido, destacou as previsións de reservas de ocupación que baralla o Cluster de Turismo de Galicia que apuntan a un incremento significativo de visitantes internacionais e que fixeron que “moitas empresas receptivas leven tempo traballando”. “A coincidencia coa primeira quincena de agosto fai prever niveis de ocupación superiores ao 90-95%, situándose en parámetros de máxima ocupación”, salientou.


Finalmente, o director de Turismo de Galicia lembrou que, co obxectivo de garantir unha observación segura e ordenada, a Xunta de Galicia constituíu unha comisión interdepartamental na que participan representantes das consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; Medio Ambiente e Cambio Climático; Sanidade; Educación, Ciencia, Universidades e FP; así como Turismo de Galicia.


O traballo conxunto realizado permitirá anticipar e coordinar actuacións en materia de mobilidade, prevención de riscos, seguridade, protección civil e divulgación científica, entre outros ámbitos. Xosé Merelles subliñou que “a colaboración entre administracións será fundamental”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar con nós!
Preme na imaxe para contactar con nós!

Visible desde catro países

A eclipse terá lugar o vindeiro 12 de agosto e a fase de totalidade —momento no que a lúa oculta completamente o sol— só será visible desde catro países, entre eles España. Trátase dun fenómeno que non se produce na Península desde 1912, hai máis de 110 anos, e que non volverá repetirse con carácter total ata o ano 2180.


A franxa de totalidade atravesará o territorio galego desde Estaca de Bares, en Mañón, ata a comarca de Valdeorras, limítrofe con Castela e León, percorrendo áreas das catro provincias. En total, 143 concellos galegos —o 45,6% do total— situaranse na zona de observación privilexiada, abarcando o norte da provincia da Coruña, a práctica totalidade da provincia de Lugo, o nordeste da provincia de Ourense e áreas do interior de Pontevedra. No resto do territorio a eclipse poderá observarse de maneira parcial.

Segundo as previsións, o fenómeno comezará arredor das 19:31 horas e prolongarase ata as 21:23 horas, acadando o seu momento de máxima escuridade entre as 20:28 e as 20:30 horas, en función da localización.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page