top of page

A Xunta dá luz verde ambiental á ampliación de explotacións en Sobrado, Frades, Trazo e Tordoia

Non prevé que as instalacións teñan efectos adversos significativos nas contornas sempre que se cumpran as condicións fixadas nos propios IIA e nas documentacións avaliadas


Laura Moure/Sobrado

A Xunta de Galicia acaba de emitir luz verde ambiental aos proxectos de ampliación de catro explotacións de gando vacún de leite nos concellos coruñeses de Sobrado, Frades, Trazo e Tordoia, sitos na área de influencia de Santiago de Compostela. As actuacións analizadas prevén a renovación e ampliación de granxas existentes para que teñan máis capacidade e poidan albergar máis prazas de vacún de leite.


Segundo se conclúe nos respectivos informes de impacto ambiental (IIA) emitidos pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático —cuxas resolucións serán publicadas en vindeiras datas no Diario Oficial de Galicia (DOG) non son previsibles efectos adversos significativos sobre as contornas derivados dos proxectos estudados, sempre e cando se cumpra cos condicionantes fixados tanto nos documentos ambientais e na restante documentación analizada, como nas propias resolucións da Xunta.

Os informes foron elaborados no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada para cada unha das iniciativas empresariais. Asemade, nestes trámites a documentación presentada en cada proxecto polos diferentes promotores foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto en ningún dos proxectos.


Tamén se abriron as consultas para cada solicitude de autorización ambiental para ampliación das explotacións leiteiras a dun total de nove organismos interesados, en cada caso.  A maioría de entidades realizaron a valoración correspondente dos proxectos  sometidos a análise e estableceron unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos nos respectivos programas de vixilancia ambiental, que se recollen nas respectivas resolucións da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.


Así, esas avaliacións consideran que ningún dos proxectos vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha cumprindo certos requisitos establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, das augas e leitos fluviais, do solo e as infraestruturas, da xestión de residuos ou do patrimonio natural.



 APOIO AO XORNALISMO PALESTINO

ECOS DA COMARCA APOIA AO XORNALISMO PALESTINO. Preme na imaxe para máis información.
ECOS DA COMARCA APOIA AO XORNALISMO PALESTINO. Preme na imaxe para máis información.

A emisión dos respectivos IIAs non exime aos promotores da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto. Nas vindeiras datas, a Consellería daralle publicidade ao seu contido a través dos correspondentes anuncios publicados no DOG e da súa posta á disposición a través da páxina web da Consellería. Ademais, remitiranse ao órgano substantivo, que neste caso é a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural.


Ampliacións previstas

O obxecto do proxecto en Sobrado (A Coruña) consiste na ampliación e renovación das instalacións dunha explotación bovina destinada á produción de leite, promovida por Mopez, SC.  A actuación localízase no lugar de Vilamor, na parroquia de Cumbraos, nunha parcela de 4,97 hectáreas, parcialmente destinada ao uso agrícola. Trala reforma e ampliación, a granxa pasará de 259 a 366 prazas de vacún leiteiro de distintas idades.

Outro dos proxectos analizados e con luz verde é a ampliación das instalación da explotación de gando vacún de leite no lugar de Caboladrón, na parroquia de Mesos, no municipio de Frades, que promove a Gandería Escariz Cebreiro, SL. Neste caso, as obras permitirán mellorar a capacidade actual das instalacións, incrementando sas 233 prazas actuais ata as 336 prazas de vacún de leite de distintas idades. 



Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O proxecto promovido por Finca Mariño, SL. logrou autorización ambiental para ampliar as instalacións destinadas a produción leiteira, sitas no lugar de Viaño Grande, na parroquia de San Xoán de Campo, no concello coruñés de Trazo. Esta actuación, que ten previsto desenvolverse en tres fases, permitirá ampliar a capacidade desta granxa leiteira para poder aloxar 595 prazas de vacún leiteiro maior e 440 prazas de recría.


Por último, o cuarto proxecto con IIA favorable é o que se refire á instalación promovida polo granxeiro Daniel Landeira Calviño no lugar de Paradela, na parroquia de Leoblade, no termo municipal de Tordoia (A Coruña). A actuación prevista significará que a explotación incremente as actuais 267 prazas para vacún de leite de distintas idades ata unhas 332 prazas.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page