A Xunta dá luz verde ambiental con condicións a un campamento de turismo en Artoño, Agolada
- Laura Moure

- hace 6 minutos
- 2 min de lectura
O proxecto está previsto nunha parcela de preto de 5.000 metros cadrados de superficie no lugar de Traspenas e estrutúrase en 10 domos desmontables e 3 cabanas fixas
Laura Moure/Agolada
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao proxecto para construír un campamento de turismo no lugar de Traspenas, na parroquia de Artoño, no concello de Agolada.

Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático -que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG)- non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia ambiental deseñado ao abeiro da iniciativa.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de dez organismos interesados.
Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
PUBLICIDADE
Esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; das augas e leitos fluviais; do solo e infraestruturas; do patrimonio natural e cultural así como nos eidos da integración paisaxística e da xestión de residuos.
PUBLICIDADE
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remítese a resolución ao órgano substantivo -a Axencia de Turismo de Galicia- e daráselle publicidade a través do correspondente anuncio no DOG e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
En canto ao proxecto, promovido por As Perseidas de Traspenas, SL, consiste na construción dun campamento de turismo estruturado en 10 domos desmontables e 3 cabanas fixas como unidades de aloxamento temporal, complementadas por dúas instalacións comúns -unha sauna e unha terma exterior-. Ademais, o campamento disporá dunha zona de aparcamento e instalaranse máquinas expendedoras de comida e bebida.
PUBLICIDADE
Todas as unidades serán un espazo único e disporán dun sistema de calefacción e auga quente sanitaria, dun quentador de comida, dunha pequena neveira, dun cuarto de baño propio e de terraza. Os domos e as cabanas situaranse na ladeira sursuroeste do promontorio rochoso situado na parte central da parcela e cada unidade de aloxamento disporá dunha parcela total de 300 metros cadrados, sen alteración da continuidade da paisaxe e separadas unhas de outras por suficiente espazo.









Comentarios