top of page

A Xunta dá luz verde ambiental a un proxecto para a valorización de vidro e embalaxes en Lalín

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada


Laura Moure/Lalín

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental a un proxecto para a valorización de residuos de vidro e embalaxes no concello de Lalín, concretamente na parroquia de Filgueira. Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.


Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de nove organismos interesados.

ree

Froito desas consultas, distintas entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.


Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, augas e leitos fluviais, xestión de residuos, protección da fauna, vexetación e outros valores naturais así como do solo e de infraestruturas, entre outros.


Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e proximamente daráselle publicidade a través do DOG e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

A valorización realizarase dentro dunha planta xa existente na parroquia de Filgueira duns 10.000 metros cadrados de superficie dedicada á transformación de vidro. O proxecto prevé a xestión de residuos externos (procedentes doutras instalacións e de obras do sector da edificación e da rehabilitación) e de materiais resultantes do desenvolvemento da súa propia actividade.


De feito, o proxecto de valorización, promovido por La Veneciana SAU, centrarase na recuperación de distintos tipos de residuos de vidro e no tratamento doutros que se xeran na propia planta de Lalín e que se usan para a embalaxe, como poden ser madeira, plástico, aluminio, papel e cartón. A iniciativa prevé que as instalacións teñan unha capacidade de tratamento anual de arredor de 3.150 toneladas de distintos residuos no momento en que se atopen a pleno rendemento.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page