top of page

A Xunta destaca a pegada industrial de Altri en Palas na que as pemes suporán o 65% dos proveedores

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, mantivo en Chantada unha reunión cos alcaldes das comarcas de Chantada e A Ulloa


Laura Moure/A Ulloa

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, participou este venres en Chantada nun encontro con alcaldes das comarcas de Chantada, A Ulloa e Lugo (Carballedo, Chantada, Taboada, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín, Friol e Guntín), onde destacou a pegada industrial que suporá a fábrica de fibras téxtiles. Neste sentido, explicou que a previsión é que máis do 65% dos provedores sexan pemes, un dato relevante nun sector como o forestal-madeira tendo en conta que 9 de cada 10 concellos galegos teñen empresas da industria da transformación da madeira.

Conde subliñou que a magnitude do proxecto, que ademais vincula dous sectores estratéxicos para Galicia como o forestal e o téxtil, permitirá que o seu radio de acción chegue a toda a provincia de Lugo e a toda a comunidade exercendo un efecto tractor e transformador na economía e infraestruturas locais. Por iso, asegurou que maximizará o impacto social, coa creación de 2.500 postos de traballo entre directos e indirectos, incrementará tanto a demanda de materia prima como da industria loxística e permitirá a implantación de novas empresas.

Neste sentido, tal e como anunciou, a Xunta acordou cos concellos máis directamente afectados o inicio dunha colaboración para identificar e anticiparse ás necesidades que a implantación deste proxecto vai xerar en eidos como o urbanístico, os servizos, os investimentos necesarios ou a formación.

O vicepresidente económico en funcións explicou que vai ser fundamental ter finalizadas infraestruturas tan necesarias como a autovía Lugo-Santiago (A-54), polo que se agarda que a planta actúe como revulsivo para adquirir un maior compromiso por parte do Goberno. Ademais é necesario que o Executivo central asuma o seu compromiso con este proxecto a través dos fondos europeos Next Generation.


NOTICIAS RELACIONADAS:

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page