A Xunta contribúe á dinamización comercial de Lalín no Nadal co apoio ao proxecto Aldea dos Oficios
- Laura Moure

- hace 5 horas
- 2 min de lectura
A cita será 4 ao 7 de xuño en Silleda
Laura Moure/Lalín
O Consello da Xunta autorizou onte a sinatura dun convenio entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Concello de Lalín para o desenvolvemento do proxecto de dinamización comercial Aldea dos Oficios, orientado á conservación, transmisión e profesionalización dos oficios artesanais e á capacitación de novos talentos que garantan a remuda xeracional no sector.

Trátase dunha acción enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e que forma parte do universo das Aldeas de Nadal promovido polo Concello. O orzamento total desta actuación é de 67.760 euros que se distribuirán nas anualidades de 2026 e 2027. Desta cantidade, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración achegará o 90 % —60.984 €— e o importe restante, a Administración local.
PUBLICIDADE
A vixencia desta colaboración estenderase ata o 31 de marzo de 2027 e entre as actuacións que abarca están a construción de cinco casas de Nadal e tarefas de vexetación, iluminación e decoración, así como de transporte e a montaxe. Esta aldea configurarase como un espazo temático de carácter innovador para ofrecer unha experiencia comercial de alto impacto.
Neste sentido, a iniciativa incorporará novos formatos de divulgación da artesanía e o espazo potenciará a demostración, a aprendizaxe e a difusión pública de técnicas e procesos artesanais tradicionais durante a campaña de Nadal. Deste xeito, o proxecto busca contribuír á valorización do patrimonio inmaterial galego e ao fortalecemento e difusión do sector artesanal como recurso económico, social, patrimonial e cultural de carácter estratéxico. Ademais, esta actuación tamén ten como fin favorecer o incremento do consumo e das vendas no sector comercial retallista, asegurando o mantemento e a consolidación do comercio local como sector socioeconómico vital para a vertebración do territorio.
PUBLICIDADE
Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030
Esta iniciativa dá continuidade ao proxecto xa consolidado do Concello de Lalín das Aldeas de Nadal, evolucionando cara a un modelo avanzado de creación de espazos inmersivos centrados na posta en valor dos oficios tradicionais artesanais. Deste xeito, perséguese dinamizar o comercio de proximidade, un dos obxectivos estratéxicos do Goberno galego.
De feito, esta actuación concorda co recollido no eixe 2 do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 en que se inclúe a medida dedicada a impulsar a marca Artesanía de Galicia. Neste ámbito, a Xunta, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia, impulsa programas como Aprender da tradición. Oficios e técnicas e Artesanía na escola a prol da remuda xeracional no sector artesanal galego.








Comentarios