top of page
Foto del escritorecosdacomarca

A Xunta construirá un novo centro de saúde en Antas de Ulla, que triplicará a súa superficie actual

O executivo galego xa conta nos orzamentos para 2021 cunha partida de 155.000 euros, para poder licitar e adxudicar o contrato deste proxecto

O actual centro de saúde de Antas. Foto: Páxinas Galegas


Laura Moure/Antas de Ulla

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Antas de Ulla, Javier Varela Pérez, acaban de asinar, no día de hoxe, un convenio de colaboración para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde neste concello. Unha vez finalizada a firma, o conselleiro visitou os terreos onde se construirá o novo centro de saúde. A Xunta de Galicia, consciente do traballo xa adiantado polo Concello, dispón, nos seus orzamentos para este ano, dunha partida de 155.000 euros para poder licitar e adxudicar o contrato do proxecto deste novo centro de saúde.


Está previsto que o novo centro de saúde teña unha superficie construída total de 850 metros cadrados, case triplicando a do actual centro de 317, o que representa un incremento do 168% de superficie. O plan funcional aprobado inclúe a ampliación dos espazos das consultas e a inclusión dunha sala polivalente que non existe no actual centro, contando así con dúas consultas de medicina, dúas de enfermería, unha polivalente, unha de toma de mostras e unha sala de xuntas.


Por medio deste acordo, o Concello comprométese a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios, co fin de posibilitar a cesión patrimonial, ao Sergas, dunha parcela libre de cargas e gravames e coa clasificación de uso sanitario, proceso que xa avanzou. Pola súa banda, o Sergas, deberá licitar o proxecto e, posteriormente, a obra de construción, proceso que se prevé iniciar de inmediato.


Número de tarxetas sanitarias

O concello de Antas de Ulla ten, na actualidade, ten ao redor de 1.610 tarxetas sanitarias, das que 95 son de pacientes en idade pediátrica. No acto de firma estiveron presentes, así mesmo, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias Fouz, e o xerente da área sanitaria, Ramón Ares Rico.



1 comentario

1 Comment


jquintarojo
Feb 26, 2021

Unha boa nova para a veciñanza de Antas, un día grande para o noso pobo; unha mágoa que as forzas da oposición non foramos convidadas por a alcaldía o acto instituciona, a pesares de representar a mais do 51% dos veciños

Like
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page