A Xunta completa os traballos de conservación no mosteiro de Santa María de Sobrado
- Laura Moure
- hace 4 minutos
- 2 Min. de lectura
Concedeu unha achega de máis de 2 M€
Laura Moure/Sobrado dos Monxes
A Xunta de Galicia acaba de completar os traballos de conservación no mosteiro de Santa María de Sobrado para que sexa legado ás futuras xeracións nas mellores condicións tras un investimento superior aos 2 M€. Así o informou onte o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita a este conxunto na que estivo acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez.

No seu percorrido, o responsable de Cultura do Goberno galego salientou que o mosteiro de Santa María de sobrado é “unha das principais xoias da nosa terra pola súa relevancia patrimonial e pola súa vinculación co Camiño de Santiago”. “Esta importancia é a que levou a Xunta de Galicia a incluír esta obra nos fondos europeos co fin de avanzar na súa conservación, ao tempo que compaxinamos a protección co seu uso como recurso sostible e activo que mellore a calidade de vida da zona na que se atopa”, engadiu.
Publicidade
Nesta mesma liña, López Campos lembrou que esta última actuación impulsada pola Xunta de Galicia no Mosteiro de Santa María de Sobrado eleva a case 4 M€ o investimento realizado pola Administración autonómica neste Ben de Interese Cultural ao longo dos últimos anos, tanto para garantir a conservación do inmoble como na creación dun albergue público para peregrinos.
Ben de Interese Cultural
No caso concreto deste proxecto, os traballos centráronse nos sistemas construtivos do claustro para eliminar as filtracións e a colonización biolóxica, reparar a cuberta, restaurar as galerías, renovar as carpintarías e instalar un novo sistema de alumeado. A actuación completouse coa exhumación da escaleira do claustro romano e a intervención na fachada de acceso, onde se restaurou a reixería dos balcóns, cambiáronse as carpintarías, instaláronse novos canlóns e eliminouse a colonización biolóxica. Todas estas accións leváronse a cabo tendo en conta a existencia de fauna protexida na zona, adoptando as medidas máis axeitadas de protección e salvagarda.
Publicidade
Ademais de garantir a mellor conservación do mosteiro, o obxectivo desta obra, tal e como salientou o López Campos, tamén é abrir á visita pública este claustro e poñer en valor as áreas máis descoñecidas do complexo como a Sancristía antiga ou a escaleira exhumada nesta parte do inmoble. Neste senso, cómpre lembrar que o mosteiro de Santa María de Sobrado, cun papel complementario como albergue de peregrinos, goza do máximo nivel de protección patrimonial, xa que ademais de recoñecido como Ben de interese Cultural, está asociado á declaración de Patrimonio Mundial dos Camiños do Norte.
Comments