A Xunta avanza na mellora da seguridade do Camiño Primitivo en Palas, Toques e Melide
Laura Moure/Xeral
O Consello da Xunta aprobou onte de forma definitiva o proxecto de trazado e construción de varios treitos comúns situados no Camiño do Norte, ruta da costa e ruta do interior, tamén coñecido como Camiño Primitivo ou de Ovedo, que coinciden coa rede viaria actual, para así limitar a exposición ao tráfico rodado dos peregrinos e, consecuentemente, mellorar a seguridade viaria e fomentar a mobilidade sostible nesta ruta. Dentro do proxecto está prevista a execución de 21 sendas peonís segregadas en varios treitos comúns do Camiño Primitivo que coinciden con estradas de titularidade autonómica, provincial e municipal. Estes tramos están localizados nos concellos da Fonsagrada, Baleira, Lugo, Guntín, Palas de Rei, Toques e Melide.

Ademais, acondicionaranse catro treitos de sendas existentes mediante a limpeza e a reapertura de cunetas, perfilado da senda e reposición do pavimento con firme granular. Este é o último paso para a posta en marcha do proxecto, que foi aprobado provisionalmente o 30 de marzo de 2026, tras do que foi sometido aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas.
PUBLICIDADE
Neste período, recibíronse distintas alegacións, que levaron á modificación dun dos treitos que pasan polo termo municipal de Baleira.
PUBLICIDADE
A Xunta de Galicia está a traballar nun ambicioso plan de actuacións para mellorar a seguridade viaria de distintos itinerarios xacobeos, de cara ao próximo Ano Santo 2027, dotado cun orzamento de ata 40M€. O Plan engloba reformas en máis de 150 quilómetros das setes rutas principais dos Camiños de Santiago. Ata o momento, o Consello da Xunta aprobou os trazados definitivos das actuacións de mellora que se farán nos camiños de Inverno, Inglés e Norte e Fisterra-Muxía.









Comentarios