Transfírense estas dúas vías de acceso ás estacións de ferrocarril de Silleda e da Bandeira, cuxa finalidade inicial decaeu co progresivo abandono das terminais
Laura Moure/Silleda
O Consello da Xunta de Galicia autorizou este xoves o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade das estradas autonómicas PO-210 e PO-211 que unen a poboación da vila coas estacións ferroviarias a prol do Concello de Silleda. O Concello de Silleda solicitou ao Departamento de Infraestruturas da Xunta a transferencia da titularidade das citadas vías autonómicas cuxa finalidade inicial de acceso ás estacións de ferrocarril de Silleda e da Bandeira decaeu co progresivo abandono das terminais de tren. Trátase de dúas vías autonómicas que discorren na súa totalidade polo municipio de Silleda e teñen un tráfico rodado de ámbito fundamentalmente local.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, formula a proposta favorable de transferencia da estrada PO-210, de algo máis de dous quilómetros de lonxitude, que une A Bandeira coa estación ferroviaria da Bandeira; e da estrada PO-211, que comunica Silleda e a estación ferroviaria da vila, cunha lonxitude de 3,37 quilómetros. A transferencia a prol do Concello de Silleda tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas. Co cambio de titularidade aprobado hoxe polo Consello da Xunta, o Concello terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.
O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Na seguinte imaxe amósanse os tramos obxecto de transferencia:
Comments